O 'Enterro do Kiko' no torreiro de Parada pecha o Entroido de Nigrán

O 'Kiko', exposto na entrada do Auditorio Municipal O 'Kiko', exposto na entrada do Auditorio Municipal

O Concello de Nigrán pecha este sábado 16 de marzo co 'Enterro do Kiko de Parada' a programación do Entroido deste ano. O kiko, que permanece exposto na entrada do Auditorio Municipal , será trasladado ás 18:30 horas por un carro de bois e unha amplo cortexo fúnebre ata a parroquia de Parada, onde se celebrará o velorio e a posterior queima no recén renovado torreiro.

O Concello consolida deste xeito unha celebración con gran arraigo na parroquia e que hai catro anos se decidiu potenciar co percorrido dende o Concello ata a rúa Telleira grazas á colaboración do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, os promotores desta tradición.

Os actos comezarán coa actuación da charanga 'Vaite xa' dende as 17:30 horas polo centro de Nigrán, chegada do carro de bois e bendición do kiko ás 18:00 horas e saída do cortexo fúnebre dende a Praza do Concello ás 18:30 horas cara Parada (unha parella de bois levará ao kiko e diferentes comparsas e unha charanga o acompañarán ata a rúa Telleira para retomar a procesión en Parada).

enterro do kiko parada nigran 01

 

A previsión é que chegue ao Torreiro de Parada ás 19:00 horas coa comparsa Parada Espanta para velalo e, a continuación, ás 20:30 horas, o cortexo fúnebre trasladará ao kiko para a lectura do pregón e a súa queima ás 21:30 horas. A partir das 22:00 horas haberá unha gran verbena popular a cargo do grupo 'Trío Azar' e dende a medianoite os Djs Toni&Yogüi.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero sí presume de múltiples galiñeiros con 'kikos' (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día unha gran festa que vai máis alá do interese local.