Nigrán Decide pide a elaboración do terceiro Plan de Igualdade para o concello

José Cuevas, portavoz de Nigrán Decide José Cuevas, portavoz de Nigrán Decide

Nigrán Decide vén de presentar unha moción no Concello de Nigrán no que a formación política pide a elaboración do terceiro Plan de Igualdade do Concello de Nigrán. Dito plan, segundo Nigrán Decide, debería elaborarse logo da avaliación do anterior plan, tendo en conta as conclusións que aporte, seguindo unha metodoloxía participativa e debendo ter, entre o seus principais obxectivos, a erradicación da violencia de xénero, así como as desigualades existentes entre homes e mulleres en todas as súas vertentes.

O terceiro plan de igualdade de Nigrán deberá servir para diminuír a fenda entre homes e mulleres en aspectos como a participación, o emprego, a formación ou a corresponsabilidade e a concienciación.

Para Nigrán Decide, este Plan deberá evitar a consideración de metas "demasiado amplas" que non sexan factibles na realidade de Nigrán, "deberá ser aberto e flexible para permitir axustarse á realidade en función das necesidades e novas posibilidades que poidan xurdir, e dinámico para que poida someterse aos cambios necesarios para adaptarse ás necesidades locais do momento".

O primeiro plan de igualdade executouse durante os anos 2005 e 2006 e o segundo plan de igualdade foi aprobado para os anos 2011 a 2014, "non sendo obxecto de seguimento e avaliación", asegura Nigrán Decide.

Se ben Nigrán Decide recoñece que dende o Concello, especialmente desde o Centro de Información á Muller, "fanse múltiples actividades", consideran que estas deben estar incluídas nunha planificación para conseguir uns obxectivos, "polo que a aprobación do terceiro plan de igualdade deberá estar acompañado das dotacións orzamentarias necesarias para poder executalo e para que poida ser obxecto de seguimento e avaliación", sinala José Cuevas, voceiro Nigrán Decide.

Cuevas sinala que o o terceiro Plan de Igualdade "deberá ser ambicioso" e o suficientemente realista para que poida ser realizado, "polo que deberá establecer uns obxectivos que se poidan alcanzar. Non se trata de facer un plan espectacular para sacarse unha foto ou facer un anuncio, para que despois quede esquecido nun caixón", finaliza Cuevas.