Nigrán celebra este sábado o Concurso de Comparsas con preto de 1.000 participantes

O Concello de Nigrán celebra este sábado, 9 de marzo dende as 19:30 horas, o seu tradicional concurso de comparsas cun total de 15 agrupacións inscritas, de Nigrán (3), Gondomar (5), Vigo (3), Ponteareas (1), Tomiño (2) e Baiona (1). En total, suman 986 participantes de tódalas idades, dende a máis pequena de 25 persoas ata a maior con 111.

Así, a partir das 19:30 horas percorrerán a rúa Rosalía de Castro dende o cruce con rúa Telleira ata a estrada do Ceán, realizando cada agrupación unha actuación á altura da Casa Consistorial, onde o xurado as avaliará. Tralo desfile e resolución dos premiados a festa seguirá na Praza do Concello, onde haberá unha actuación a cargo do dúo musical Alféizar, máximo expoñente local do autonomeado «romanticismo hortera». A programación de entroido continúa o domingo día 10 coa excursión de maiores a Cuntis para festexar a 'Festa do Lacón' e finalmente o día 16 co enterro do kiko.

Debido a celebración do entroido prohibirase o estacionamento en todo o tramo da PO-552 entre a Avda.Val Miñor e Rosalía de Castro dende as 18:00 do sábado e posteriormente (19:00 horas) tamén se pechará á circulación ata o remate da festa.