Nigrán inicia unha interesante programación especial cara ao 8 de marzo

O Concello de Nigrán arranca xa a súa programación especial do 8 de marzo facendo un chamamento á veciñanza para que envíe fotos ao consistorio, anteriores a 1970, nas que as protagonistas sexan mulleres do municipio. O obxectivo do Goberno local é visibilizar e por en valor o papel esencial da muller de Nigrán organizando posteriormente unha exposición con todo o material recompilado.

O único requirimento é que sexan fotos de mulleres de Nigrán, anteriores a 1970, e que a muller sexa a protagonista (traballando, en momentos de ocio ou lecer, coa familia, amigas... en calquera faceta). As imaxes poden enviarse por mensaxe privada ao facebook do Concello de Nigrán ou ao correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. indicando os datos de que se dispoñan (nome da muller/es, data e lugar da foto e actividade que está a realizar) ou ben acudindo coa mesma á Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán (de 9:00 h a 14:00 horas) para que sexa escaneada e entregada ao propietario no momento.

"Animamos aos veciños a que rebusquen no arquivo familiar e rescaten as fotos antigas de mulleres co obxectivo, precisamente, de renderlles unha homenaxe pública a todas elas. Estou seguro de que todos temos un tesouro nas nosas casas", explica o alcalde, Juan González.

O Concello facilitará a tódolos participantes unha ficha na que figurará: data de entrega das fotografías, datos persoais de quen as entrega, nome, dirección e teléfono de contacto, a relación detallada das fotografías cun pequeno texto que permita a localización, datas aproximadas e comprensión da mesma.

Esta actividade non é un concurso, polo que as fotos non compiten. No caso de que o número de fotografías exceda a capacidade do recinto de exposicións farase unha selección en base á antigüidade ou calidade das mesmas. O Concello de Nigrán ten preparados xa máis actos en relación ao 8 de Marzo que serán presentados próximamente.