Baiona amplia as visitas «Xoves no Camiño» ata Santa Cristina de Sabarís

A iniciativa do Concello de Baiona denominada «Xoves no Camiño» que ten como finalidade dar a coñecer o paso do Camiño Portugués pola Costa por Baiona, vén de ser ampliada ata a igrexa de Santa Cristina de Sabarís, logo da boa acollida por parte dos participantes. A Concellería de Turismo organiza, este ano, un programa completo de rutas por Baiona co obxectivo de pór en valor o patrimonio cultural e artístico.

Por unha banda, celébranse as visitas guiadas habituais polo centro histórico, que comezaban o pasdao 15 de xullo e se desenvolverán todos os mércores e sábados ata o 30 de agosto, con saída ás 11:00 horas, dende a Oficina de Turismo. Son gratuítas e non é necesaria a inscrición previa.

Doutra banda, e como novidade, todos os xoves ás 10:00 horas (ata o 31 de agosto) o Concello organiza a ruta denominada «Xoves no Camiño», con saída dende a Oficina de Turismo. O percorrido leva ata á Praza de Santa Liberata para continuar, deseguido, polo Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, rúa Conde e O Burgo ata a praza Vitoria Cadaval de Sabarís e a igrexa de Santa Cristina.

O percorrido é lineal e a guía que acompañará ao grupo realizará o regreso a Baiona camiñando polo Paseo Marítimo. Os participantes terán a posibilidade de acompañala ou regresar por libre. A duración aproximada da ruta é de 1 hora e 45 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros e cunha catalogación de dificultade baixa.

As prazas limitadas, polo que para esta visita si será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67). Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar.

Esta iniciativa xorde para fomentar, incentivar e dar a coñecer o Camiño Portugués pola Costa, novena ruta de peregrinación declarada oficial o pasado mes de agosto, ao seu paso por Baiona e que cada día cobra máis importancia, algo do que fala o incremento de peregrinos que percorren esa ruta no seu camiño a Santiago de Compostela.