Baiona reforza a pegada do Camiño pola Costa no seu caso histórico

O Concello de Baiona xa dispón das cunchas de bronce que marcarán o paso do Camiño pola Costa no seu Casco Histórico. Un total de 16 pezas serán instaladas nos vindeiros días para reforzar a pegada da Ruta Xacobea na zona vella da Real Vila.

Turismo de Galicia enviou xa ao Concello de Baiona as cunchas de bronce que guiarán aos peregrinos ao seu paso polo municipio, dende a súa entrada pola parroquia de Baredo ata a saída por Sabarís.

Segundo o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, “trátase dunha nova iniciativa para por en valor o Camiño pola Costa, xa que temos case dez quilómetros da ruta. Para nos é moi importante que estea recoñecida a ruta de peregrinación porque a nosa vila ten moito patrimonio cultural que amosar aos camiñantes”.

As figuras colocaranse de forma inmediata e veñen a reforzar a sinalización que durante os últimos meses estase a colocar en Baiona para guiar aos peregrinos.

O pasado mes de marzo xa comezou a instalación das nove mouteiras, unha cada quilómetro, que marcan o Camiño. Ademais, tamén coa colaboración con Turismo de Galicia, haberá outros elementos indicativos, como placas de cerámica.

En abril, a Concellería de Turismo levou a cabo a instalación da nova sinalización da ruta Xacobea dende a recentemente inaugurada Oficina de Turismo. Ante o incremento de peregrinos e co obxectivo de ofrecer maior información aos camiñantes, as novas dependencias municipais situadas na rúa Arquitecto Jesús Valverde ampliaron tamén o seu horario de atención aos visitantes e pasa a estar aberta entre as 10:00 e as 14 horas e entre as 16:00 e as 20:00 horas (o horario de verán será de 10:00 a 15:00 e de 16:00 a 21:00 horas).