Novo comezo para a 'Liga de Inverno de J80'

A baía de Baiona ofrece un marco único e incomparable para a vela // Fotos: ©Rosana Calvo A baía de Baiona ofrece un marco único e incomparable para a vela // Fotos: ©Rosana Calvo

Este sábado 9 de febreiro, dispútase a segunda xornada –a primeira puntuable– da liga de Inverno da clase J80, que o Monte Real Club de Iates organiza na baía de Baiona para a frota galega de monotipos. As tripulacións participantes tratarán de inaugurar o marcador tras unha primeira xornada errada a causa do vento, que non soprou coa suficiente intensidade e obrigou a suspender as probas programadas.

Neste caso, as previsións apuntan a todo o contrario. Prognostican ventos por encima dos 15 nós que poderían aproximarse aos 30 por momentos, o que engadiría emoción á xornada regatera dos monotipos.

O primeiro bocinazo de saída escoitarase ás tres da tarde, xusto despois de que a frota garde un minuto de silencio en recordo do regatista Gerardo Alonso, un habitual desta liga falecido hai uns días tras unha longa loita contra a enfermidade que padecía.

mrcyb liga180 febreiro 2019 previa RosanaCalvo 01

Os J80 disputaranse as primeiras puntuacións en tres percorridos barlovento sotavento de dobre volta nos que se medirán regatistas da talla de Miguel Lago, liderando ao Virazón; ou a vicecampeona lusa de 420, Marta Ramada, a bordo do Miúdo.

Veranse as caras con habituais da competición do Monte Real como o comodoro do club, Fernando Yáñez, no Cansino; o asturiano Juan Luís Tuero aos mandos do Luna Nueva; o secretario da clase J80 en Galicia e líder do Namasté, Luís de Mira; Bernardo Macedo no Mondo ou Javier Martínez Valente no Cunichán, entre outros.

O que non estará nesta ocasión será o Okofen de Javier de la Gándara, que se atopa en Lanzarote disputando a Copa de Campeones de J80.