O Monte Real Club de Iates, protagonista dun especial sobre vela da Radio Galega

O Monte Real Club de Iates será protagonista, o vindeiro martes 29 de xaneiro, dunha nova edición do Convivir Deportivo da Radio Galega, dirixido e presentado por Alfonso Pardo, un dos históricos da radio en Galicia. As instalacións do club acollerán a gravación de dous programas especiais que abordarán distintas cuestións relacionadas co deporte da vela, o turismo náutico, a historia e actualidade do Monte Real, ou a vela adaptada para persoas con discapacidade, entre outros asuntos.

Na primeira parte do programa, que se poderá ver en directo no Salón Praia Ribeira do club de 11:30 h a 12:30 h –o acceso é libre e gratuíto ata completar o aforamento–, participarán o presidente e vicepresidente do Monte Real, José Luis Álvarez e Alejandro Retolaza; o almirante Rafael Lorenzo; o xerente do club, Óscar Calero; e o adestrador de vela, David Fontán. Intervirán tamén o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; a presidenta da Confraría de Pescadores de Baiona, Susana Rodríguez; e o xefe de porto do Monte Real, Javier Álvarez.

Na segunda parte do programa, a partir das 12:30 h, o programa centrarase na vela adaptada para persoas con discapacidade, profundando na actividade desenvolta desde fai máis de seis anos na Escola de Vela Adaptada do Monte Real, á que, ao longo de todo o ano, asisten alumnos e alumnas de diferentes centros de Galicia.

Ademais de varios directivos e adestradores do club, intervirán o concelleiro de accesibilidade de Baiona, Policarpo Vilar; o director de Rompeolas Boats, José Luis Pérez, impulsor do barco adaptado 4 ALL; o presidente do Centro Juan María de Nigrán, José Santoro; e a monitoria e voluntaria de Asem Galicia, Almudena Cobelo, entre outros.

O acceso á gravación do Convivir Deportivo no Monte Real Club de Iates, o martes 29 de xaneiro no Salón Praia Ribeira do Monte Real Club de Iates, é libre e gratuíto, e todos aqueles que desexen asistir poderán facelo ata que se complete o aforamento da sala.