O Monte Real Club de Iates, un porto sen fume

O presidente do Monte Real Club de Iates de Baiona, José Luis Álvarez recibe de mans do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña o diploma que acrecita ao club como 'Porto sen fume' O presidente do Monte Real Club de Iates de Baiona, José Luis Álvarez recibe de mans do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña o diploma que acrecita ao club como 'Porto sen fume'

O Monte Real Club de Iates é oficialmente, desde este venres, un porto sen fume. Esta mañá, o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña, fíxolle entrega ao presidente da entidade, José Luis Álvarez, dun diploma que recoñece a participación do Monte Real na 'Rede Galega de Portos sen Fume'. 

O club baionés súmase así ao Club Náutico de Portonovo, o Real Club Náutico de Portosín e o Real Club Náutico de Ribadeo nunha iniciativa impulsada cun fin educativo e de sensibilización social, co obxectivo principal de que os adultos se convertan en figuras modélicas e dean exemplo coas súas actitudes, neste caso sen fumar, aos máis pequenos.

A zona de pantaláns e varadero do porto do Monte Real Club de Iates, pola que cada ano pasan miles de persoas entre tránsitos e deportistas, convértese así nunha contorna saudable e sustentable no que, desde hoxe, non se pode fumar. Trátase dun compromiso persoal que terán que asumir os usuarios do club, xa que non haberá vixilancia nin sancións aos que incumpran a norma.

Na entrega do diploma ao Monte Real, o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña, deulle o parabén ao club por seguir sendo, unha vez máis –dixo-, un dos clubs pioneiros en Galicia á hora de impulsar iniciativas e lanzarse a novas propostas como esta. Do que se trata, dixo Almuíña, é de “visibilizar que o fume do tabaco non é bo e que excluílo de todos os lugares públicos dará a todos unha maior calidade de vida”.

baiona mrcyb sen fume RosanaCalvo 04

O presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, agradeceu ao titular autonómico a súa visita a Baiona e comprometeuse a seguir apostando polo medio ambiente e a saúde. “Todos os días –dixo Álvarez- traballamos para que o futuro de todos sexa mellor e facer da nosa casa un espazo sen fume é dar un paso máis nesa dirección”.

Baiona, Corcubión e Rianxo son os tres municipios de Galicia nos que todas as súas praias foron declaradas “praias sen fume”, pero hai un total de 45 concellos que se sumaron tamén á iniciativa, cun total de 79 praias libres de tabaco.

No caso dos portos deportivos, o Monte Real Club de Iates é o cuarto que se adscribe á Rede Galega de Portos sen Fume, da que xa formaban parte o Club Náutico de Portonovo, o Real Club Náutico de Portosín e o Real Club Náutico de Ribadeo.

baiona mrcyb sen fume RosanaCalvo 01

“O Monte Real —dixo o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán— é o último porto en integrarse na rede pero aínda quedan máis de 40 que queremos que tamén se somen, polo que temos marxe para seguir traballando na liña de excelencia que queremos para as instalacións náuticas de Galicia”.

Tamén interveu no acto o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, que en 2018 recibiu, por segundo ano consecutivo, o galardón de ouro da iniciativa Praias sen fume da Xunta de Galicia, tras declarar libres de tabaco a todas as praias do municipio. Baiona convértese así, dixo o rexedor, nun lugar exemplar con medidas “que impactan tanto no medio ambiente, ao reducir o número de cabichas que van parar ao mar, como na saúde, ao evitar que a xente respire o fume dos fumadores”.