12.3 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarOVALMI reúnese cos concellos do Val Miñor buscando apoio para iniciativas que...

    OVALMI reúnese cos concellos do Val Miñor buscando apoio para iniciativas que axuden aos empresarios tras o COVID-19

    Dende hai días, a Asociación de Empresarios do Val Miñor (OVALMI) está a manter diversos contactos con Baiona, Nigrán e Gondomar, de cara a establecer estratexias para a reactivación económica

    A Asociación de Empresarios do Val Miñor mantivo os pasados días 18 e 20 de abril, reunións co alcalde de Gondomar e a concelleira de Comercio na que tamén estaban presentes diferentes asociacións e varios empresarios da hostalería do municipio. O motivo desta xuntanza non era outro que a procura de solucións que permitan diminuír o impacto da crise á que se enfronta este sector, unha vez que se permita a apertura dos seus negocios.

    Os empresarios adiantan que este tipo de reunións “manteranse no tempo e estenderanse ao resto dos sectores produtivos, co fin de buscar solucións aos problemas que se lles están presentando ou que se poidan presentar ao longo deste ano tan complicado”.

    Desde OVALMI, aseguran ser conscientes que todos os empresarios “pasarán e están a pasar por momentos moi complicados durante estes meses” pero, matizan que a hostalería é o sector no que terá unha maior incidencia, “xa que a súa apertura está prevista que se produza en último lugar e a súa data non está aínda clara, pero non se prevé que sexa de maneira próxima no tempo”.

    “Somos conscientes que aínda que se levante o confinamento, os clientes terán medo a saír de casa durante unha tempada, –aseguran os empresarios do Val Miñor –por esta razón estamos a barallar a posibilidade de crear unha plataforma de venda online para os pequenos negocios do Val Miñor”.

    Preténdese, con esta acción, evitar na medida do posible a compra en grandes plataformas como Amazon “e que os pequenos comercios poidan empezar a vender”.

    A Asociación pediu vía rexistro do Concello de Nigrán, “que non se cobren as terrazas aos establecementos hostaleiros este ano e que se expoña unha redución ou exención en taxas como o lixo, IBI e outras, para os establecementos que non puideron abrir ou que sufriron graves perdas nos seus ingresos por mor da declaración do estado de alarma en España”.

    Estas iniciativas exporanse, de igual maneira, na reunión que se manterá o 24 de abril co Concello de Baiona.

    Ao longo destes días, desde OVAMI xestiona a compra de máscaras de protección, pantallas e demais material que permita garantir “que todos os empresarios poden traballar coa maior seguridade posible”.

    “Moitos dos nosos asociados –afirma OVALMI– atopábanse con graves problemas á hora de conseguir EPI’s para poder desenvolver o seu traballo de forma segura, por esta razón estamos a tentar conseguir todo aquilo que necesiten, ao mellor prezo posible”.

    A través das súas redes sociais, OVALMI, lanzou unha campaña de apoio aos negocios do Val Miñor, “Merca nos negocios do Val Miñor!! Entre todos manteremos vivo ou noso pobo”.

    OVALMI, quere poñer de relevo “o gran esforzo” que están a facer tanto os seus asociados como o resto de empresarios nestes momentos tan convulsos e incertos e dar as grazas aos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar “pola súa colaboración e a súa boa disposición á hora de buscar solucións para tentar paliar as graves consecuencias económicas producidas polo COVID-19”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.