10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalEntroido, cine, música e literatura enchen de lecer o Rosal en febreiro...

    Entroido, cine, música e literatura enchen de lecer o Rosal en febreiro e marzo

    O Concello ten preparada unha programación cultural cargada de actividades para encher O Rosal de vida e lecer durante os meses de febreiro e marzo. A axenda para os vindeiros dous meses, con catorce propostas para todos os públicos, “permítenos seguir dinamizando a cultura no noso municipio, levándoa tamén aos nosos barrios e apostando por unha ampla variedade coa que chegar a toda a veciñanza e de balde”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

    En febreiro o Entroido será o gran protagonista. A Festa do Entroido en Fornelos e en Novás do 18 ao 21de febreiro da man das respectivas comisións de festas. O domingo 19 as rúas rosaleiras encheranse de cor, música e diversión co tradicional desfile de Entroido a partir das 11.00 horas polas rúas do Calvario.

    O final de febreiro estará cargado de novas actividades. O xoves 23 haberá unha nova sesión dos Cafés en Igualdade. A partir das 17.30 horas as persoas participantes poderán afondar con Angelina Gándara na maternidade na Cafetería Nenza Xida. O sábado 25 (18.30 horas), organizado pola CC Montes de Tabagón, chega ao Centro Social de Tabagón a película ‘Santoalla’, que narra os feitos que inspiraron a película ‘As Bestas’. O domingo 26 o auditorio municipal acollerá ás 19.00 horas a Gala do Día de Rosalía, coa actuación de Lara Villaverde.

    Marzo arrancará con máis cine. Organizado polo CC Montes do Rosal, o venres 3 presentarase no auditorio municipal o documental ‘A auga que trouxeron’, de Trespés Producións. Haberá unha proxección para o alumnado do CPI Suárez Marquier ás 12.00 h e outra para o público xeral ás 20.00 h. Con entrada libre ata completar aforo.

    O sábado 4 A Comisión de Festas organiza en Pías o Torneo da Cachiza ás 16.00 horas e os días 11 e 12 a Feira de San Gregorio. O sábado 18 o auditorio municipal acollerá a partir das 20.30 horas o concerto ‘Noé, Noemi e Noemilia. Sete animais e a súa familia’, con Belén Otxotorena e a Banda da Agrupación Musical do Rosal.

    O mes de marzo rematará coa Festa de San Xosé de Novás o domingo 19 organizada pola comisión de festas e coa audición do alumnado da escola de música da Agrupación Musical do Rosal no auditorio municipal o sábado 25 ás 19.30 h. Os Cafés en Igualdade chegarán o 30 de marzo á Liga de Amigos para falar ás 17.30 horas sobre feminismo con Sara Uris.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.