O BNG denuncia a suba da cota da Seguridade Social ao marisqueo a pé

O BNG de Redondela cualificou de "suba abusiva, inxusta e totalmente inasumible" dos recibos da seguridade social aos e ás profesionais do mar por parte do ISM. Segundo os nacionalistas, un dos sectores máis prexudicados é o marisqueo a pé, cunha cota mensual que pasa de 194 a 240 euros, 46 euros de diferenza o que supón un incremento dun 23,7%.

Nunha xuntanza celebrada na súa sede o BNG expúxolle o sector as súas propostas para defender unha actividade cunha grande importancia económica e un forte arraigo en Redondela, que en palabras do Responsable Local, Anxo Lusquiños “esta en perigo de desaparecer por culpa das políticas do Partido Popular” pois é a Xunta de Galiza quén ten as competencias nesta materia e lembra que no ano 2009 cando Nuñez Feijoo chega a presidencia da Xunta, en Redondela o marisqueo a pé empregaba a 190 persoas e hoxe dez anos despois son 125.

Na suba das cotas esta non leva aparellada mellora social algunha, xa que se debe ao incremento dos tipo de cotizacións por continxencias comúns e profesionais, e non a suba da base de cotización o que si serviría para melloras a prestacións futuras. En canto "a pretendida mellora que supón a prestación por paro da actividade por mor da marea vermella", explica o BNG, en Redondela "non vai ter ningunha repercusión, xa que a toxina é algo que apenas apenas ten incidencia dentro do anexo III, zona de autorización de traballo para Redondela".

Os nacionalistas redondeláns denuncian esta suba que, sen dúbida, supón "un golpe mortal para este sector que no noso concello está xa nunha situación limite". O BNG chama a atención sobre o feito de que "moitos meses do ano as ganancias mensuais apenas chegan a metade do salario mínimo” e culpabilizan por igual aos grupos políticos con representación en Madrid, e ao goberno local polo seu silencio cómplice.

O BNG asegura que non van permitir "que unha vez mais dende Madrid coa complicidade de Xunta de Galiza e co silencio goberno local, se dite a sentencia de morte para un dos noso sectores produtivos e imos levar adiante canto estea nas nosas mans para reverter esta situación". Primeiro dende o parlamento galego, a partir do 28 de abril dende o parlamento do estado e logo do 26 de maio dende o goberno de Redondela, coa creación dunha Concellería do mar que poña fin a situación de abandono e de desmantelamento na que se atopa o marisqueo a pé, remata a súa nota o Responsable Local.