Redondela desenvolve charlas de concienciación medioambiental nos colexios

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela iniciou, o pasado mes de outubro, unha serie de charlas nos centros de ensino enmarcadas co obxectivo de concienciar e sensibilizar aos máis novos no coidado medioambiental. As charlas serán impartidas polo axente de medio ambiente do Concello.

Este ano preséntanse dúas novas temáticas: a auga, o uso sostible dun recurso esencial e esgotable e o rural: pasado, presente e futuro.

Estas dúas novas temáticas engádense ás xa tratadas de reciclaxe e compostaxe e a pegada ecolóxica na sociedade actual.

A maiores este ano os contidos adaptáronse a cursos de educación primaria e infantil dado o interese destes niveis na realización de charlas relacionadas coa compostaxe e a creación de hortas ecolóxicas nos propios centros escolares.

Estas charlas, como as de anos anteriores, están enfocadas desde unha perspectiva didáctica de educación aberta, participativa e non regrada, fuxindo do academicismo, na que a participación e o feedback co alumnado é constante e preciso , promovendo a reflexión sobre as causas e efectos do deterioro ambiental, así como sobre a nosa posibilidade de incidir neses factores.