AER asegura que o convenio da Residencia de Cesantes "é prexudicial" para Redondela

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) vén de amosar a súa oposición ao convenio que o goberno local propuña asinar co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Xunta de Galicia, para o cofinanciamento da Residencia de Maiores de Cesantes. A Xunta, segundo AER, "unha vez máis quere obrigar ao Concello de Redondela a sufragar o que son competencias municipais impropias".

Lembra a agrupación asemblearia que a atención das necesidades dos maiores "é unha competencia autonómica e o 100% do custe debe ser asumido pola Xunta, e non comprometer gran parte dos escasos recursos que o Concello ten para Servizos Sociais".

AER subliña o feito de que o 31 de outubro de 2016 dende Secretaría e Intervención do Concello de Redondela emitiuse un informe no que os máximos responsables xurídicos do Concello apuntan que “...sería preciso que se implicaran nos custes da súa xestión outras administracións que ostenten dito carácter supramunicipal. Tampouco nada se recolle en respecto a se os Concellos limítrofes tamén participarán na sufragación do mantemento do Centro. De non ser así, non sería equitativo que só o Concello onde radica o Centro de Día teña que sufragar parte do seu mantemento.” Ou sexa, corresponderíalle á Xunta de Galicia, ou mesmo á Deputación provincial, asumir estes custes.

Co convenio que Javier Bas pretendía aprobar obrigaríase ao Concello de Redondela a pagar 49,58 € por cada día e residente empadroado en Redondela, o que serían 1.500 euros por usuario ao mes, e 18.000 euros por persoa ao ano (180.000 € ao ano das arcas municipais para os 10 posibles usuarios). Das 21 prazas para residentes coas que conta o Centro, só 10 estarían reservadas para empadroados en Redondela. Quere dicir que como mínimo 11 poderían ser doutros municipios sen que os seus Concellos aportasen nin un só euro, sendo sufragados eses gastos pola propia xunta de Galicia. Javier Bas neste punto parece que defende máis os intereses da Xunta do Partido Popular que os intereses do Concello de Redondela.

Unha das cláusulas máis sensibles da proposta de convenio levada a pleno polo goberno local, remata AER, consiste en que o Concello de Redondela "estaría obrigado si ou si a pagar polas 10 prazas reservadas, estean ocupadas ou non. Así, no caso de que as prazas non estean ocupadas o Concello tería que abonar o 40% do seu custe".