Alumnado do obradoiro 'Redondela Vila Bela II' recupera a Praza da Alfóndiga

Cinco alumnas e cinco alumnos do Obradoiro de Emprego 'Redondela Vila Bela II', con idades comprendidas entre os 25 e os 59 anos, comezaron a arranxar nesta semana o enlousado da Praza da Alfóndiga, na zona vella de Redondela e Camiño de Santiago Portugués, deteriorado polo paso do tempo e, sobre todo, pola raíces dunhas acacias que se atopaban en cada esquina da praza e que foron taladas previamente.

Os alumnos e alumnas comezaban en novembro do 2018 a aprender un oficio relacionado coa 'Cantería Ornamental' e a 'Colocación de Pedra Natural' no 'Redondela Vila Bela II', promovido polo Concello de Redondela, rematando o seu contrato de formación o vindeiro mes de agosto.

Ademais de recibir formación teórica e realizar práctica formativa para acadar unha titulación oficial, teñen que aplicar os coñecementos adquiridos para realizar obra de interese municipal como é o caso da Praza da Alfóndiga. 

O traballo nesta praza consiste en levantar as lousas que non se atopan enrasadas e que poderían causar tropezóns, eliminar as raíces que lle fan levantar e recolocar as pezas sobre morteiro seco. Tamén substituirán as lousas en peor estado, axustarán os bordes, recolocarán o mobiliario urbano que foi previamente retirado, e procederán a unha limpeza de todo o enlousado.

A dificultade deste traballo radica sobre todo no gran volume e peso destas lousas así como na súa irregularidade.