'Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de Marzo' enche Vilavella

De esquerda a dereita, Susana Iglesias, matrona; Sarai González, funcionaria; Ana Fresco, fotógrafa e profesora; Carmela Silva, presidenta da Deputación, Inma López Silva, escritora e coordinadora do libro; Susana Pedreira, xornalista e Sandra Núñez, estudante De esquerda a dereita, Susana Iglesias, matrona; Sarai González, funcionaria; Ana Fresco, fotógrafa e profesora; Carmela Silva, presidenta da Deputación, Inma López Silva, escritora e coordinadora do libro; Susana Pedreira, xornalista e Sandra Núñez, estudante

O Pazo de Vilavella encheuse, no serán de hoxe, no acto de presentación do libro 'Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de Marzo', unha asistencia masiva que era, ao mesmo tempo, unha clara resposta ao que se cualificou como "veto do alcalde Javier Bas" á que a Deputación puidera presentar este traballo literario nunha das salas baleiras do Multiúsos da Xunqueira. "Non hai posibilidade de poñer portas aos dereitos das persoas a ocupar o espazo público que non é patrimonio de ninguén. Iso fronte a quen cree cando goberna que é seu", aseguou a presidenta Carmela Silva.

O certo é que, pese aos impedimentos, o Pazo de Vilavella quedo pequeno para acoller a todas as persoas que alí se deron cita, tanto que houbo que engadir cadeiras supletorias e, pese a iso, foron moitas as persoas que tiveron que seguir o acto de pé por falta material de espazo. 

O libro, impulsado pola Deputación de Pontevedra e editado por Galaxia, recolle oito olladas persoais dunha xornda "histórica" de oito mulleres e dende distintas perspectivas. Cinco das autoras acompañaban á presidenta Carmela Silva e á coordinadora do libro, a escritora Inma López Silva, nesta presentación: a xornalista Susana Pedreira, a fotógrafa e profesora Ana Fresco, a funcionaria Sarai González, a matrona Susana Iglesias e a estudante Sandra Núñez. Cada unha delas expuso a súa vivencia persoal da folga feminista do 8 de Marzo, en intervencións que foron seguidas con enorme atención por parte de todos e todas as asistentes.

oito olladas depo 03

Na súa intervención, Carmela Silva agradeceu a presenza “deste cheo, de tanta xente que mostrou que non hai portas que pechen a igualdade, que non hai posibilidade de poñer portas aos dereitos das persoas a ocupar o espazo público que non é patrimonio de ninguén. Iso fronte a quen cree cando goberna que é seu. O espazo público é patrimonio de todas e todos. Este cheo tamén é unha voz que di que o mundo e a política ten que cambiar. Por iso as mulleres queremos cambialo”.

A presidenta provincial puxo o acento en que “a sociedade non será feliz nin decente sen a igualdade en dereitos das que somos máis da metade da poboación“. Este libro, dixo Silva dálle voz ás mulleres. ¿Como pode temer alguén á voz, as palabras das mulleres?, preguntou”. A presidenta da Deputación puxo en valor os logros e a sensibilización que logrou a folga do 8 de marzo de 2018, “unha data histórica que leremos nos libros”, e apelou a secundar a convocatoria do próximo 8 de marzo, “unha folga á que debemos ir as mulleres, porque os homes comprometidos co feminismo ese día deben dedicarse aos coidados para que nós poidamos facer a folga. É fácil de entender”, dixo.

oito olladas depo 04

Pola súa banda a escritora e coordinadora do libro, Inma López Silva, asegurou que “a edición desta obra colectiva foi un proceso de traballo perfecto e irrepetible, e creo que moito tivo que moito que ver con que fora un equipo de mulleres”. Todas as autoras insistiron na necesidade de que o próximo 8 de marzo deste ano “aínda supere o fito histórico da folga e das mobilizacións que tanto nos visibilizaron o ano pasado”.

'Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo', que xa vai pola segunda edición, está escrita por oito mulleres que traballan en diferentes sectores: xornalismo, literatura, sanidade, fotografía ou librería. Todas elas, pese á súa diferente dedicación, plasman unha visión similar sobre a folga es mobilizacións do 8 de marzo e as súas vivencias como mulleres, reivindicando a necesidade de loitar contra o machismo e construír unha sociedade máis igualitaria e xusta.

oito olladas depo 05

Deste xeito, a través de 'Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo' o goberno de Carmela Silva pretende chegar ao maior número de persoas as testemuñas das autoras da publicación e espallar entre a mocidade as ideas contidas nesta obra colectiva. Así, a Deputación de Pontevedra ten enviado xa aos centros educativos de Secundaria e Formación Profesional da provincia un exemplar para que o incorporen á súas bibliotecas e poidan traballar con el nas aulas, como ferramenta de debate e reflexión.

A presentación de 'Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo', a modo de xira, comezou en Vigo e xa pasou por Pontevedra, Vilagarcía e Baiona. Trala presentación de hoxe en Redondela, continuará a vindeira semana en Salceda e, posteriormente, en Ponteareas e Bueu.