Digna Rivas: "As promesas incumplidas do PP son unha falta de respecto á veciñanza"

A candidata á alcaldía de Redondela polo PSdeG-PSOE, Digna Rivas e o deputado socialista no Parlamento de Galicia, Abel Losada, analizaron na tarde de hoxe, polo miúdo, os investimentos que os Orzamentos da Xunta de Galicia contemplan para Redondela e que son, segundo Losada, "claramente negativos no cuantitativo e cualitativamente son unha ferramenta electoral clara ao servizo do Partido Popular".

Abel Losada e Digna Rivas mantiveron un encontro cos medios de comunicación ás portas do CEP Santa Mariña "un dos claros exemplos de incumprimento das promesas electorais de Javier Bas". Digna Rivas lembrou que dende o 2011, a comunidade educativa deste centro escolar vén reclamando un patio cuberto, obra que no 2011 "Javier Bas aseguraba que a Xunta xa a tiña definida ao igual que a remodelación integral do porto de Cesantes", ámbolos dous proxectos, aseguraba a candidata socialista á alcaldía de Redondela, "quedaron en simples anuncios electoralistas, sen realizar, e nunha mostra clara de falta de respecto aos veciños e veciñas de Redondela".

Digna Rivas subliñou a necesidade de rematar "dunha vez por todas" cunha liña política "claramente electoralista baseada en vender e non nunha política que se faga eco das necesidades da veciñanza". Rivas, que lembrou que para desgracia de mais de un as hemerotecas están para ser consultadas, insistiu en que non é de recibo "que agora, anos despois, Javier Bas diga que esta obra non a pode facer o Concello porque non é competencia súa pero que tampouco a vai facer a Xunta porque un patio cuberto non é unha prioridade". Para a candidata socialista "é triste que o alcalde de Redondela acepte esas explicacións en lugar de defender os intereses da veciñanza e dunha comunidade educativa –nais, pais, anpas e directiva– que se mobilizaron insistentemente no 2011 para conseguir un patio cuberto máis que necesario para que os nenos e nenas poidan utilizalo en caso de choiva".

No que fai referencia ao porto de Cesantes, para o que nos orzamentos da Xunta aparece consignada unha partida de arredor de 200.000 euros, Digna Rivas cualificou dito investimento como "irrisorio". "Non se trata dunha remodelación do porto senón que, e así figura textualmente, é unha 'Mellora de abrigo no porto de Cesantes'". A concelleira socialista lembrou que no Plan Integral ratificado no 2011 tanto polo conselleiro como polo alcalde Javier Bas, o orzamento previsto era de case que 6 millóns de euros, polo que os 200.000 euros que ahora destinan "son outra falta de respecto á cidadanía, a veciñanza de Cesantes e as nosas xentes do mar" polo que considera Rivas que "é un parche para clar bocas, un remendo para algo que, segundo afirmaban, estaba orzamentado dende hai oito anos e que a día de hoxe mírase que non era certo".

Repasou a candidata socialista á alcaldía de Redondela, outras actuacións "que levamos anos reivindicando e que a día de hoxe seguen sen facerse" como a reparación do Centro Sociosanitario e ambulatorio de Chapela, investimentos en reparación e creación de novas redes de pluviais, algo importantísimo para Redondela; seguridade viaria para a Avenida de Mendiño, "sobre todo a altura do Centro de Saúde porque é un punto problemático e que é impresindible darlle solución".

Lamentablemente, sinalou Digna Rivas, a educación pública e a sanidade pública "para o partido popular está claro que non existen e para a Xunta de Galicia, polo que se mira, non son prioritarios".

Por último, a candidata socialista sinalou que viña de presentar unha moción no Concello de Redondela, para que a Corporación inste á Xunta de Galicia a incluir nos orzamentos "obras prioritarias" como é o caso do patio cuberto do CEP Santa Mariña e a reparación do Centro Sociosanitario e Ambulatorio de Chapela.

Pola súa banda, Abel Losada, aseguraba que nos Orzamentos da Xunta, "hai unha clara estratexia de non definir as partidas e iso permítelle ao PP vender investimentos diversos en distintos concellos. Logo, sumamos todas as promesas, e indubidablemente o orzamento non dá" polo que considera Losada que "é un engano evidente á cidadanía".

O deputado socialista asegurou que "estamos a asistir a algo inaudito non só en Galicia senón en España e en Europa que é ver como o PP prescinde da capacidade que a Unión Europea dá para realizar investimentos, algo que non se entende e algo que deberían explicar aos cidadáns é porque están dispostos a antepoñer os seus interese partidistas aos intereses xerais da cidadanía".

Abel Losada definiu as dúas actuacións que se contemplan para Redondela como "promesas eternas", insuficientes no caso de que se executen, porque, asegurou, "os niveis de execución son baixisimos" a mostra, subliñou é que "estas obras aparecen sistematicamente nos orzamentos  e continúan sen realizarse e fronte a esa laxitud nos orzamentos, atopámonos que a Xunta non só non apoia as políticas municipais senón que tenta que os concellos financien as súas propias competencias".

Rematou Losada insistindo na "valoración negativa dos orzamentos" e precisou que "as emendas realizadas desde a agrupación socialista de Redondela, como aconteceu no resto dos concellos de Galicia, foron rexeitadas na súa totalidade, tanto ao partido socialista como ao resto da oposición" o que levou ao deputado a definir os orzamentos como "unha ferramenta electoral para solucionar os problemas que existen no PP ante a importante caída do voto e antepoñen iso aos intereses dos cidadáns".