Digna Rivas lamenta que o Goberno redondelan “ignore” á veciñanza do Casco Vello

A candidata a alcaldía de Redondela polo PSdeG-PSOE, Digna Rivas, lamentou una vez máis que o alcalde Javier Bas “ignore” as continuas queixas das veciñas e veciños da rúa Loureiro, no casco vello redondelán, que “dende hai preto de un mes está cortada ao tráfico e que sofre continuos cortes de subministro de auga potable nas vivendas”.

A concelleira socialista cualifica de “impresentable” que a empresa concesionaria non traballe nas obras “nin media xornada laboral” alongando no tempo un problema que debería ser resolto “coa maior celeridade” ao ser orixe de continuas molestias para as e os residentes, “cousa que ao Sr Bas parece importarlle ben pouco”.

obras rua loureiro 02

O corte da rúa Loureiro, engade Digna Rivas, non só afecta á veciñanza da propia rúa, senón que se estende “aos veciños e veciñas das rúas próximas e mesmo da parroquia de Reboreda, que a utilizan a diario para levar aos seus fillos e fillas ao colexio” tendo como única solución continuar por unha dirección prohibida “cos problemas e perigos que iso supón”.

O mais triste, apunta a candidata do PSdeG-Redondela, é que a veciñanza da rúa Loureiro leva máis de dous anos presentando queixas ante o Concello sen que o Goberno local tome medidas para poñer remedio.

obras rua loureiro 03

De feito, sinala Digna Rivas, no 2016 acometéronse obras de renovación das tubaxes da veciña rúa Cruceiro “momento debería ter aproveitado o Concello para renovar tamén as da rúa Loureiro que sufría, exactamente, os mesmos problemas e dos que era perfectamente coñecedor o Goberno do PP”, circunstancia que en mais dunha ocasión denunciou o propio PSdeG-Redondela e que mesmo o Grupo Municipal Socialista levou ao Pleno da Corporación para que se puxera remedio ao problema.

As continuas fugas no subministro de auga potable, apunta Digna Rivas, “comezan a ser un mal endémico en Redondela co custe económico que iso supón” e pon como exemplo as existentes “nas escaleiras do Campo das Redes, detectadas no verán e que seguen sen ser solucionadas”, ou as da baixada da Esfarrapada –obra realizada no pasado mandato– e que foron obxecto de presentación de numerosas queixas veciñais ante o Concello “queixas ás que o Goberno do PP segue dando a calada por resposta”.