AER denuncia a carencia de etilómetro por parte da Policía Local

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) vén de denunciar distintas carencias que ten a Policía Local redondelá logo que, segundo sinala a Agrupación, membros da Policía Local de Redondela lles fixeran chegar as súas demandas laborais "que de xeito reiterado están sendo desatendidas polo Goberno local", sinalan. Segundo AER, unha das carencias é a do etilómetro, de tal xeito que para facer probas de alcolemia, "teñen que requirir á Garda Civil de Tráfico ou a Policías Locais doutros concellos".

Esta é, asegura AER "unha das carencias máis chamativas" pero que é imprescindible para garantir a seguridade viaria no Concello. “Estamos a falar de seguridade, non dun aparello para recadar a través das multas. O etilómetro é un dispositivo imprescindible para garantir que os condutores circulen sen estar baixo os efectos do alcohol, circunstancia que pode por en risco a seguridade tanto do propio condutor coma a dos demais”, subliñan os axentes.

Outro dos equipamentos dos que carece a Policía Local de Redondela, segundo a Agrupación, é o relativo aos chalecos antibalas. "En calquera suceso no que algún cidadán utilice indebidamente armas brancas ou armas de fogo, os axentes locais de Redondela intervirían sen ter minimamente garantida a súa integridade", afirman.

A estas carencias engádense outras como poden ser o mal funcionamento dos walkie-talkies, ou a "falta de dotación orzamentaria en todos os equipamentos que o Concello ten que dotar para o normal desenvolvemento do seu traballo", afirma AER. “Conseguir unhas botas de traballo, un pantalón ou unha chaqueta do uniforme convértese nunha odisea; e cando membros da Policía Local solicitan roupa, a mesma entrégase sen rótulos e sen axustarse á normativa. Parece que estás reclamando un privilexio ou un capricho cando en realidade estamos a falar dunha obriga que o Concello non está a cumprir”, quéixanse os axentes.