ponteareas

Ponteareas investirá máis de 170.000 € na mellora de viais nas parroquias

O goberno de Ponteareas acometerá melloras en distintos viais das parroquias por un valor total de 173.172 €, así foi aprobado hoxe no decurso do Pleno Extraordinario. A concelleira de Vías e Obras, a tenente de alcalde Chus Garrote, adiantou que se pavimentarán accesos de terra e se repavimentarán algunhas estradas que se atopaban en mal estado e que dan servizo a un gran número de poboación do rural.

En concreto, con cargo ao Plan Marco, a concellería de Vías e Obras repavimentará a estrada que une o campo de fútbol de Moreira, EP 4005, coa estrada de Guláns-Cristiñade que conta cun orzamento 76.412 €.

En Nogueira tamén se repavimentará a estrada de Montes de Abaixo (EP-4005), limpando as marxes e abrindo cunetas cun custe total de execución de 43.692 €.

Na parroquia de Fozara o camiño de terra existente en Outeiro de Castro será pavimentado e contará con cunetas e valados de contención ao longo de todo o seu percorrido. Ademais, mellorará o acceso ao núcleo de A Porteliña dende a EP- 4002 Celeiros-Santiago de Oliveira ata o campo de fútbol.

Chus Garrote adianta que unha vez obtidos todos os permisos sectoriais procederase a realizar estas obras que mellorarán a conexión dos núcleos do rural coas estradas provinciais e municipais. A mellora destas estradas tamén supón incrementar a interrelación entre as parroquias e un acceso maior a máis servizos co obxectivo de que a poboación do rural dispoña de máis comodidades.