ponteareas

Edición especial do «Venres D_letras» para todos os cativos e cativas de Ponteareas

A concellería de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística, que dirixe Hortensia Bautista, vén de convidar a todas as familias a participar nunha nova edición do “Venres D_letras” que vai dirixida aos máis cativos e cativas. Nesta edición especial vaise presentar o libro «Do dereito e do revés», dirixido ao público infantil e editado a iniciativa da Concellería de Cultura de Ponteareas coa finalidade de facilitar o achegamento aos máis pequenos e de xeito excepcional, adiantará o seu inicio ás 19:00 horas.

Preto de mil exemplares que serán distribuídos polos centros culturais de Ponteareas, entre outros espazos públicos. Dáse a circunstancia de que todo o proceso creativo do libro tivo lugar na nosa vila, xa que a autora é a mestra ponteareá Susana Lamela, está ilustrado polos alumnos e alumnas da Escola de Arte - Centro de Formación Artística Bruno Antonio Vázquez Cuntín, de Ponteareas, e tanto a súa maquetación, como a edición e mesmo a impresión, foron realizadas na localidade. O libro, do que se realizaron mil exemplares, vai ser distribuído polo propio Concello entre os asistentes ao acto de presentación e empregado como agasallo protocolario.

«Do dereito e do revés» narra a historia dun carballo moi especial, Lía, que un día decide saír na procura dunha nova terra na que agromar. Pero na súa viaxe atopará que as cousas non resultan tan doadas como agardaba. Unha historia de superación dirixida aos nenos, sobre todo a aqueles que nalgún momento das súas vidas se sentiron fóra de lugar, tratada con tenrura e certas doses de humor que, a bo seguro, fará as delicias dos máis pequenos.

Susana Lamela é mestra, licenciada en Psicopedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela, e traballa no CEIP Nosa Señora dos Remedios, de Ponteareas. Inicoiu a súa andaina no eido da literatura como editora, pero non tardou en publicar os seus propios traballos dirixidos ao público infantil, como «Soños de andel» e «Andeis baleiros».

A Escola de Arte de Ponteareas leva instalada na nosa vila catro anos e xa ten participado en numerosas iniciativas vinculadas ao debuxo e a ilustración. Nas súas aulas reciben clases medio centenar de rapaces e rapazas de distintas idades, tanto de Ponteareas como de localidades veciñas.