ponteareas

O goberno ponteareán esixe á Xunta que deixe o protagonismo á Plataforma da N-120

O goberno de Ponteareas esixe á Xunta de Galicia "que deixe o protagonismo das reivindicacións e das reclamacións da circunvalación e da mellora da seguridade na N-120 aos veciños e veciñas de Areas, Arnoso e Xinzo que dende hai décadas loitan por conseguir das distintas administracións un proxecto sólido". O goberno local lembra que "boa parte do atraso destas obras é froito da parálise e do bloqueo do PP" que durante anos de goberno na Xunta "non foi capaz de redactar o proxecto para poder materializar aquel convenio que, segundo os populares, sería a solución".

O alcalde, Xosé Represas, e a tenente de alcalde, Chus Garrote, consideran que a Xuntan "non ten autoridade moral" como para instar Fomento a fixar compromisos nin prazos. Lembra o alcalde ponteareán que dende maio de 2015 que asinaron un protocolo "a Xunta de Galicia non deu ningún paso para que se concreten as obras da circunvalación". “Tan só tiñan que redactar o proxecto, documento imprescindible para saber as características do vial para que finalmente se concretara a obra. O certo é que a día de hoxe a Xunta non fixo nada disto”, asegura o rexedor local.

A tenente de alcalde, Chus Garrote, aclara que nestes intres "temos nas mans o estudo previo que foi realizado polo Ministerio de Fomento nestes meses, paso previo indispensable para poder facer o proxecto". Os únicos que dilataron no tempo unha solución para a seguridade dos e das ponteareás –afirma a concelleira ponteareá– "foron os gobernos do Partido Popular que nin redactaron o proxecto, nin lle deron luz verde ao convenio nin materilizaron aqueles orzamentos millonarios que quedaron simplemente nun papel a modo de previsión”.