ponteareas

O alcalde de Ponteareas valora positivamente o compromiso de Fomento coa circunvalación

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, valorou positivamente o compromiso adquirido polo Ministerio de Fomento en relación coa circunvalación ou variante, pero advertíu que "estará vixilante". Segundo Represas “poderemos saír de dúbidas nun prazo breve de semanas e comprobar se o anuncio feito por Fomento se verifica ou non”.

Para o alcalde e a tenente de alcalde, María Jesús Garrote, que tamén participou na reunión celebrada o pasado venres co Director Xeral de Estradas, Javier Herrero no Ministerio de Fomento, é un avance  importante que “por vez primeira se elabore un estudo que recollerá as características da actuación e o seu importe e ese estudo ten que entregarse en cuestión de semanas. Estaremos moi atentos e unha vez rematado o estudo esixiremos o orzamento necesario e a licitación das obras”.

Represas apelou a “manter a unidade dos partidos e colectivos sociais nesta demanda. Unidos estamos logrando estes avanzos e conseguiremos que a circunvalación sexa unha realidade en lugar de propaganda, como aconteceu nos últimos 20 anos”.