ponteareas

Sistema de saneamento "desatendido durante décadas" motivo das obras da Avenida de Galicia

O PSOE de Ponteareas acusou onte á portavoz e candidata do PP, Belén Villar, de "crear unha confusión premeditada e electoralista" entre os veciños de Ponteareas a conta da última obra de mellora no sistema de saneamento, concretamente no entronque da Avenida de Galicia coa Rúa Rogelio Groba. A obra, segundo os socialistas ponteareáns, responde á renovación da rede de saneamento "desatendido durante décadas" polos gobernos do PP.

Esta nova obra, aclara a candidata socialista e concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, supón a substitución dunha arqueta "totalmente obsoleta e colapsada, que nada ten que ver coas obras de decembro da Avenida de Galicia nin coas do Paseo Matutino". Concretamente, explica Garrote, a localización desta obra "está entre a arqueta de saneamento do paso estreito da Avenida de Galicia e o entronque coa última arqueta da rúa Paseo Matutino e Rogelio Groba".

A candidata socialista sinala que “cada vez que o goberno municipal executa unha obra deste calibre, dámonos realmente conta do desatendida que estaba Ponteareas polo PP e por ACIP” e engade que o seu goberno “está realizando os traballos que non fixo a dereita durante décadas”.

Desde o PSdeG-PSOE ponteareá, apuntan que este "era o momento oportuno" para a substitución e a ampliación da capacidade da arqueta obsoleta e que permitirá unha canalización de maior capacidade, antes do novo asfaltado da rúa. “Entendemos que as obras supoñen unha molestia, mais tamén sabemos que os veciños e veciñas entenden que estas obras son polo progreso de Ponteareas” declara Chus Garrote.