ponteareas

O Pleno de Ponteareas esixe ao Estado un convenio viable para a circunvalación

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, convocou para onte martes 8 de xaneiro un Pleno extraordinario monográfico sobre a Circunvalación "para dar unha resposta unitaria á proposta de convenio remitido polo Ministerio de Fomento no que reduce a 7 millóns de euros os 21 millóns previstos nos orzamentos do Estado". A moción, que foi aprobada cos votos de todas as forzas políticas da Corporación agás EU, xa fora consensuada previamente por todos eles estando de acordo a Plataforma Veciñal das parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo.

A moción rexeita a proposta de convenio enviada por Fomento por non axustarse ao previsto no protocolo asinado en maio de 2105 e urxir ao Ministerio a redacción dunha nova proposta de convenio que garante a realización da circunvalación por parte de Fomento en base as previsións económicas de 21 millóns de euros que figuran nos orzamentos do Estado.

A moción consensuada tamén esixe á Xunta de Galicia a redacción do proxecto de Circunvalación, tal como se comprometeu en maio de 2015. Dende o goberno local tamén criticaron os incumprimentos, falta de rigor e os “vaibéns” da Xunta coa circunvalación; “non realizaron o proxecto como é a súa obriga e sen ese documento técnico valoraron a circunvalación en 7 millóns de euros, tal como figura no convenio remitido pola Xunta ao Ministerio en 2017”

“Os 7 millóns de euros que figuran no convenio remitido recentemente por Fomento resultan claramente insuficientes para a expropiación dos terreos e acometer a realización desta infraestrutura e pola que levamos agardando dende a apertura da A-52. Demandamos un convenio que asegure a construción da circunvalación e respecte as obrigas previstas para cada unha das administracións no protocolo asinado en maio de 2015”, explica o Alcalde.

Pola súa parte a Tenente de Alcalde, Chus Garrote, explica que esta é unha débeda pendente dende o ano 1996 xa que unha autovía precisa contar cun acceso de alta capacidade que comunique co núcleo urbano de Ponteareas e coa N-120 no Barral.

Ponteareas tamén reclama a Fomento a inmediata redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na N-120 e posterior licitación para o que figura consignación económica nos orzamentos do Estado. A proposta unitaria insta ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia convocar urxentemente a comisión mista de seguimento prevista no protocolo de 2105 para a súa constitución.

O alcalde amosouse moi satisfeito polo consenso e a unidade lograda ao redor desta demanda, “poñendo a Ponteareas por enriba dos intereses de partido. Actuando unidos os partidos e os colectivos sociais para reivindicar algo que é xusto, con toda seguridade poderemos acadar esa obra fundamental para Ponteareas”.

Villar insta a Chus Garrote a "deixar de inventar novos problemas"
Pola súa banda, o Partido Popular, nunha nota de prensa, amosou a súa ledicia polo feito de que todos os partidos, agás EU, "fosen responsables e votasen a favor da moción conxunta na que se insta ao Ministerio de Fomento a que non recorte o investimento da variante de 21 a 7 millóns como propuxo no último borrador de convenio enviado en decembro á Xunta e ao Concello de Ponteareas".

ponteareas BelenVillar 21

Villar explicou que perdéronse moitos anos neste asunto pero que o certo é que hai dous momentos craves. “Primeiramente a firma do protocolo de colaboración en maio de 2015, sendo ministra Ana Pastor, na que se fixan os compromisos de cada administración e por último en 2018, cando o goberno de Rajoy reflicte nos orzamentos do Estado 21 millóns de euros para este proxecto. Non podemos consentir que ese diñeiro pérdase, levamos moitos anos reclamando esta vía que vai supoñer tamén unha mellora da seguridade dos nosos veciños”.

Villar quixo apoiar á plataforma da N-120 da que dixo que “representa a todos os pontareanos, xa que esta mellora é para todos, mesmo para concellos conlindantes. Ademais criticou que PSOE e EU abrisen agora o debate doutros “problemas” cando nunca existirán nin manifestaran diferenzas, nin achegaran outras solución nas diferentes reunións que levan mantido ao longo destes anos. “Agora parece que o problema é o protocolo de 2015 ou que o trazado da variante é malo, pois tiveron moitos anos para manifestalo, aquí viñemos a reclamar o que lle pertence a Ponteareas, non queiran desviar a atención do asunto”.

O PP coincide tamén co PSOE local en que a variante é unha débeda histórica desde os anos 90, nos que o PSOE construíu a A-52, unha obra incompleta que supuxo grandes problemas para este e outros municipios. “Entendemos o difícil papel da tenente de alcalde, Chus Garrote, porque o seu partido é o mesmo que deixou no seu día a obra incompleta e agora tamén quere recortar o investimento existente. Deixe de culpar á Xunta de Galicia ou de criticar a quen pertencerá a titularidade do vial, o problema está a xeralo o seu partido e debe ir cunha actitude de esixencia e non de resignación ante os seus, solicite en Madrid o investimento que pertence a Ponteareas”.