Ensaio aberto de 'Agarimos da Terra' na Rectoral de Barciademera (Covelo)

O vindeiro domingo día 17 a partir das 18:00hs, a agrupación centenaria Agarimos da Terra organiza de modo altruista unha actividade aberta ao público en xeral coa que pretende difundir o traballo de recuperación do que foi un dos principais coros galegos tradicionais.

A actual agrupación musical conta con mais dunha treitena de voces mixtas que interpretan temas de raíz galega tradicional acompañadas dun cuarteto instrumental, seguindo así o mesmo esquema da agrupación musical orixinal fundada hai mais de 100 anos no Balneario de Mondariz baixo o mecenazgo de Enrique Peinador.

A actividade consistirá en mostrar abertamente o traballo de formación que habitualmente desenvolve o coro en ensaios pechados, executando varios temas do repertorio propio de Agarimos da Terra, cos que probarán as acústicas dos diferentes espazos englobados no conxunto arquitectónico da Rectoral de Barciademera: igrexa, exteriores e na propia Rectoral.

Trátase dunha actividade promocional que este coro xa realizou noutros lugares emblemáticos da comarca como a 'Fonte de Gándara' de Mondariz Balneario e que pretende seguir realizando no futuro, procurando así tamén incentivar novas incoporacións á agrupación.

Coa elección do conxunto rectoral de Barciademera, Agarimos da Terra reivindica o valor esta xoia da arquitectura barroca galega, un conxunto arquitéctónico excepcional que existe na comarca e non é suficientemente coñecido nen valorado e que conta ademáis cunhas estupendas condicións acústicas .