Mondariz pon en marcha unha enquisa sobre o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable

O Concello de Mondariz está a desenvolver unha enquisa entre a cidadanía de cara a deseñar o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, unha ferramenta que o Concello considera “básica” para a planificación e toma de decisións sobre a mobilidade no municipio. A enquisa cidadá trata, segundo explica o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, de “atopar entre todas e todos maneiras de mellorar a mobilidade no concello”. En base a esa premisa, veciños e veciñas expresarán a súa opinión sobre o xeito de desprazarse e o modo en que utilizan os espazos públicos.

Interesa, sinala o alcalde de Mondariz, coñecer “cómo nos desprazamos tanto dentro do concello como a outros da contorna” independentemente do motivo polo que se fagan estes desprazamentos (traballo, estudos, compras, lecer...), analizándose temas como aparcadoiros, seguridade viaria, configuración das rúas, falta ou non de beirarrúas...

Trátase, explica Xoán Carlos Montes, de ter os datos precisos que nos permitan facer máis eficientes os desprazamentos no concello e facilitar hábitos de mobilidade máis respectuosos co medio ambiente”.

Pero o estudo va máis aló, xa que permitirá facer a vila “máis accesible” xa que contribuirá a eliminación de barreiras arquitectónicas, mellorará a relación entre peóns e vehículos e facilitará o acceso aos transportes públicos.

Para participar na enquisa, veciños e veciñas poderán facelo a través de internet enchendo o cuestionario que figura nesta ligazón ou participando nas mesas veciñais que se desenvolverán dentro deste proxecto. A opinión dos veciños e veciñas servirá, engade o rexedor local, “para preparar estratexias e propostas concretas que pasarán a formar parte do plan” e estarán integradas en liñas de actuación financiables pola Unión Europea, o Estado, a Xunta e a Deputación a través de distintas liñas de axuda.

Trátase, resume Xoán Carlos Montes Bugarín, que “entre todos e todas tratemos de facer un concello no que, a calidade de vida sexa cada día mellor a través de melloras na contorna, na inclusión social e deseñando estratexias para reducir as emisións de CO2 e, polo tanto, gozar de mellores condicións medioambientais”.