César Gil, candidato do BNG á alcaldía de Mondariz Balneario

César Gil encabezará a lista do BNG en Mondariz Balneario César Gil encabezará a lista do BNG en Mondariz Balneario

O BNG vén de designar a César Gil como candidato á alcaldía en Mondariz Balneario. O nomeamento decidiuse nunha concorrida asemblea celebrada nos pasados días, na que se debateu sobre a actualidade e o futuro da localidade. O actual Portavoz Municipal dos nacionalistas no concello balneario, logrou a confianza e o apoio unánime dos asistentes para encabezar por primeira vez a canduidatura do Bloque neste municipio.

Natural de Mondariz Balneario, Gil traballa na administración do Hotel Balneario na mesma vila. Aos seus 26 anos, participa activamente en diversas asociacións culturais e deportivas, sendo un referente no dinamismo de Mondariz Balneario coa súa participación na organización de diferentes eventos nestes ámbitos.

O BNG considerou que “a súa mocidade, a súa formación en xestión e administración, a súa implicación veciñal e a súa experiencia como concelleiro tras sete anos como representante do BNG na vila, fan de César Gil o candidato idóneo para liderar o cambio necesario en Balneario”

Tras a proclamación, o candidato do BNG sinalou que “a necesidade dun cambio en Mondariz Balneario é unha urxencia. A ausencia de políticas orientadas a dinamizar a vila lastran o futuro das nosas veciñas e veciños, especialmente da nosa mocidade”. Gil, que agradeceu a confianza depositada nel, sinala que asume o reto “con responsabilidade, ilusión e forzas para liderar o cambio en Mondariz Balneario”. “Coas ideas claras e con proxecto de futuro, dende o BNG daremos paso a un tempo novo, cheo de oportunidades para as veciñas e veciños da vila balnearia”, concluíu César Gil.