salceda 2017

MS lamenta que a “pinza” PP-PSOE poida deixar sen cobrar a provedores do Concello

O Equipo de Goberno do Concello de Salceda (Movemento Salceda) asegurou "lamentar"  o acontecido na Comisión Informativa celebrada o pasado 4 de marzo, onde "de novo se aliaron os grupos da oposición –PP e PSOE– para votar en contra do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito que permitiría o pago de 998.883,87 € a diferentes provedores do Concello de Salceda", afirma o Goberno local.

Segundo o executivo que preside Marcos Besada, "de nada serviron as explicacións ofrecidas pola Concelleira de Facenda, Loli Castiñeira, manifestando a existencia de liquidez suficiente nas contas do Cocello para afrontar a totalidade do pago (2.116.246,98 €)".  PP e PSOE, asegura Movemento Salceda, "decidiron unha vez máis bloquear a acción de Goberno, prexudicando deste xeito a ducias de provedores de bens e servizos, aos que se lles pode imposibilitar o cobro das súas facturas pendentes, se PP e PSOE manteñen o voto negativo no Pleno que se celebrará o vindeiro venres".

Movemento Salceda cualifica de "irresponsable" a postura dos grupos da oposición que, afirma o grupo de goberno do Concello de Salceda, "antepoñen unha vez máis os seus intereses sobre os intereses, neste caso, das empresas e autónomos que traballan para o Concello de Salceda".

Na relación de pagos inclúense o que o Executivo local cualifica de "servizos fundamentais" como o Servizo de Axuda no Fogar, "para o cal o Concello de Salceda leva feito un esforzo importante de incremento de horas para poder atender a todas aquelas persoas que o precisan".

Na relación de facturas inclúense tamén as "derivadas dos incendios e as cicloxéneses que asolaron o municipio en outubro de 2017, e que obrigaron a acometer obras como a reparación de sendas fluviais, a canalización de pluviais ou a reposición de grande cantidade de metros de tendido eléctrico, así como facturas derivadas de rogos e peticións presentadas polos grupos da oposición que agora se negan ao seu pagamento, como a reparación dos parques infantiles".

Lembran dende o equipo de goberno que o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito é unha figura legal para “evitar o enriquecemento inxusto da Administración”, tal e como aparece recollido no informe de intervención. O informe tamén recolle que “existe crédito suficiente nas aplicacións adecuadas do orzamento para 2019 para a imputación das obrigas cuxa aprobación se propón”.

Loli Castiñeira, concelleira de Facenda asegurou que populares e socialistas amosan "a súa intención de bloqueo do Concello de Salceda, sen importarlle o máis mínimo poñer en risco a supervivencia de empresas e autónomos que prestaron os seus servizos para este Concello". Non entende Castiñeira que "habendo liquidez suficiente nas contas do Concello, se lles impida cobrar aos proveedores polos servizos prestados”.

Na misma liña expresábase o alcalde, Marcos Besada, sinalando que pese a "esta nova pinza do PP" o Goberno "buscará solucións para seguir a prestar os servizos que demandan os veciños e veciñas sen que o intento de bloqueo por parte da oposición nos impida pagar o adebedado aos proveedores”.

"Un millón de euros sen partida orzamentaria"
A portavoz do Grupo Municipal Socialista do Concello de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, cualificou de "irresponsable" que haxa unha relación de 1.400 facturas pendentes de pago, que ascenden a preto de un millón de euros "que se gastaron sen ter orzamentos para facelo". Lembra o PSOE de Salceda que “o recoñecemento extraxudicial de crédito está pensado para casos moi excepcionais, para ofrecer servizos básicos que non poden deixar de funcionar"

Esta figura, engade a portavoz socialista, "pode ser entendible en algúns casos, como xa se fixo no pasado de modo claramente xustificable" pero considera que non é de recibo o "gastar cartos da veciñanza de maneira totalmente anárquica" pagando facturas que cataloga de "electoralistas" e, nese sentido, asegura que “Estamos pagando avogados e publicidade e deixando de pagar gastos correntes como a electricidade ou a limpeza”.

Verónica Tourón chama a atención sobre o feito de que o seu grupo leva reiterando "dende o 2016, cando xa se levou un REC de máis de 640.000 euros que esta situación ía empeorar e aquí temos unha proba máis da deriva económica á que o goberno local está levando ó concello pola súa falta de xestión". Culpa directamente ao alcalde de Salceda de non terlle explicado aos provedores "cando os contratou, que o estaba facendo completamente á marxe do procedemento normal e que non tiña partida económica para asumir eses gastos. Non podemos ser cómplices da nefasta xestión en materia económica do goberno”.

Tanto a portavoz socialista como a súa compañeira Gela Ledo, aseguran ser conscientes de que os provedores, "deben cobrar polo traballo feito e son vítimas dunha xestión frívola por parte do alcalde" que, subliñan, "saltouse o procedemento" pagando facturas posteriores e deixando incluso algunhas de comezos do 2018, elixindo a dedo a quen pagaban e a quen non”.

Para as concelleiras socialistas, "non se pode gobernar a golpe de recoñecementos extraxudiciais de crédito e responsabilizando á oposición" e lembra que o Grupo Socialista presentou unha serie de medidas, para que se foran implantando paulatinamente para evitar chegar a estas situacións "e non se realizou absolutamente ningunha". 

"Non se pode seguir gastando en maquillaxe mentres as gravidades están sen atender" afirma Tourón que afirma que "todos entenderíamos se esas emerxencias fosen as recollidas neste recoñecemento e non outras facturas de obras dedicadas a maquillar Salceda”.

REmata a voceira socialista advertindo que "o grupo socialista non vai a ser cómplice desta xestión irregular do concello".