salceda 2017

Salceda aproba o seu inventario de bens por valor de 26 millóns de euros

O Pleno da Corporación de Salceda de Caselas aprobou, cos votos a favor de MS e PSOE e en contra do PP, o Inventario Municipal de Bens, que lle recoñece propiedades ao Concello por un valor de 25.960.825,95 €. O documento, sinala o alcalde de Salceda, Marcos Besada, "resulta fundamental para a correcta xestión do patrimonio público" O documento certifica a existencia de 1.222 bens inmobles, 3 dereitos reais, 19 mobles especiais, 18 vehículos e 1.234 obxectos de mobiliario, que se procederán a inscribir no Rexistro da Propiedade.

O Concello de Salceda dispuña ata o de agora dun Inventario Municipal que data do ano 1967, e que basicamente consistía nun libro que describe de xeito literal algúns bens que nesa data constaban como municipais. A veces dita descripción estaba acompañada dun croquis realizado a man alzada, que a día de hoxe estaban completamente desfasados e sen os datos de situación, xeorreferenciación, xurídicos etc. precisos para que os bens alí reseñados poidan ser catalogados correctamente tal como esixe o RBEL nos 8 epígrafes que constitúen un Inventario Municipal.

En 2012 o Concello de Salceda contratou a empresa LAYA que realizou e posteriormente foi aprobado o inventario municipal de viais, catalogando tódolos viais municipais, que agora se completa co resto dos epígrafes.

Para Marcos Besada, con este traballo "descubrimos ademáis novos elementos que sen dúbida contribuirán ao enriquecemento patrimonial e cultural do noso Concello segundo se vaian poñendo en valor". O rexedor local quixo agradecer, públicamente, "a enorme colaboración prestada polos veciños e veciñas e polos colectivos veciñais de cada unha das parroquias, fundamental para acadar o resultado que agora vimos de aprobar”.