salceda 2017

O PP de Salceda afirma que o Goberno local "sobrevive" con contas "ficticias"

O PP de Salceda de Caselas acusou ao Goberno local de Salceda de "deixamento" na xestión económica e asegurou que "sobrevive" cuns orzamentos prorrogados dende 2016 desatendendo "os requirimentos do Consello de Contas para que renda contas do exercicio 2017". O feito de non presentar as contas municipais no prazo permitido polo Consello impide, segundo o portavoz popular Santiago Rodríguez Davila, que o Concello poida acceder ás liñas de subvención da Xunta de Galicia.

Rodríguez Davila lamenta que dita actitude "provoque non só inestabilidade económica nas arcas públicas, senón que frea os investimentos da Administración autonómica en Salceda". O portavoz popular, que cualifica a xestión económica do Goberno local de "nefasta" asegura ao executivo tan só lle preocupa venderse "gastándo en un só ano, 70.000 euros en protocolo, publicidade e propaganda".

As contas municipais de 2017, prorrogadas de 2016 e presentadas este mes de xaneiro no pleno, "incumpren a regra do gasto" o que, segundo Rodríguez Davila, obriga ao Goberno local "a presentar un plan económico-financeiro que debía aprobarse no pleno ordinario de agosto de 2018 pero que, a día de hoxe, nin sequera está elaborado, segundo confirma un informe de intervención municipal con data 22 de xaneiro de 2019 solicitado polo PP".

Do mesmo xeito, asegura o portavoz popular, o Goberno incumpre tamén a Lei de Contratos do Sector Público co “fraccionamiento” de contratos sen un informe de Intervención.