Porriño 2017

Eva García de la Torre implícase directamente na organización da 'Porriño 10K'

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada de integrantes do servizo municipal de Deportes e do xefe da Policía Local, mantivo este mércores, a última hora, unha xuntanza con representantes do Club Atletismo Porriño e os organizadores da Interruning. Nesta reunión, en primeiro lugar, expuxéronse os “malos entendidos” que puidese haber no que se refire a esta proba e tratouse o tema das condicións e infraestruturas precisas para a celebración do novo evento deportivo.

“Houbo un importante achegamento de posturas”, sinala Eva García de la Torre quen, logo de recoñecer e agradecer “o traballo dos representantes do Club de Atletismo Porriño”, comprometeu a “participación directa e activa do Concello na organización da proba”.

A alcaldesa salientou que “a achega económica por parte do Concello do Porriño será a necesaria para que non se rebaixe, nin nun cigallo a calidade que viñan conquerindo os anteriores organizadores”. Estes, logo de comentar as súas diverxencias, amosaron unha mellor disposición e sintonía co Concello.

García de la Torre, subliñou, por último, que “a continuidade desta cita deportiva está absolutamente garantida e, por suposto, coa mesma calidade das anteriores edicións”.