Porriño 2017

Eva García pon en marcha os traballos de arranxo da piscina municipal

A alcaldesa, que dende este martes exerce tamén a Concellería de Deportes, estivo na piscina municipal para comprobar o avance das obras de mantemento e arranxo que están realizándose na mesma. As anteditas obras consisten, dunha banda, na reparación de paneis de policarbonato do teito, a substitución de 7 placas e a unión do ‘Pavillón 1’ e a piscina. Ademais, vaise substituír os traveseiros de metal que forman parte da separación entre a zona do ‘Pavillón número 2’ e a piscina.

Estes traballos, “que levan proxectados xa tres meses e que era completamente necesario realizar”, sinala Eva García de la Torre, contan cun orzamento de 24.000 €, procedentes dun remanente da Concellería de Servizos Socias, que foran parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e que o organismo provincial autorizou a empregar no arranxo da piscina.

EvaGarciadelaTorre piscina porrinho 02

Doutra banda, e dentro dos traballos a realizar, o vindeiros luns, día 11, comezarán as tarefas de substitución do climatizador da piscina. “Hai dous anos unha inspección de Sanidade determinara que o seu funcionamento non era o axeitado”, sinala a alcaldesa que lembra que daquela, por mor dos orzamentos municipais prorrogados, non fora posible levar a cabo o seu cambio.

Posteriormente, e aprobado o procedemento de urxencia dende Intervención do Concello, licitouse a substitución do mesmo, “unha licitación que foi adxudicada hai un ano por 90.000 €”, e que agora vai ser posible realizala.

Este traballo, subliña a alcaldesa, vaise realizar seguindo unha planificación que “permitirá que as instalación sigan funcionando con total normalidade e sen que os usuarios sufran incomodidades ou vexan alterada súa actividade”.