Porriño 2017

Eva García cesa, en todos os seus cargos, a Manuel Carrera e Marcelino Coto

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, vén de cesar dos seus cargos dentro do Goberno local ao tenente de alcalde de concelleiro de Vías e Obras e Deportes, Manuel Carrera, e ao concelleiro de Urbanismo, Industria, Comercio e Medio Ambiente, Marcelino Coto. García de la Torre indica que viuse “forzada” a tomar esta decisión diante da “ineficacia e deslealdade” no exercicio dos seus cargos destes dous concelleiros.

A rexedora local lembra que entregoulle aos concelleiros cesados “non so máis competencias das que figuraban no acordo de Goberno, asinado hai preto de catro anos, senón que di total independencia e confianza plena para a xestión das súas concellerías”.

Eva García de la torre asegura ter apreciado, hai tempo, un interese nos dous concelleiros cesados "so nos grandes proxectos e non no día a día, que é esencial para os cidadáns". Precisamente, son as veciñas e veciños os que, afirma “transmítenme o seu descontento coa xestión de problemas que lles afectan na súa vida cotiá e que non foron resoltos polos devanditos concelleiros”.

“Ante estes feitos non quedou outra saída que dar un golpe na mesa e cumprir coa miña obriga que é a de solucionar eses problemas”a firma Eva García quen asegura asegura que vai dar resposta aos porriñeses e porriñesas no que nos demandan, nas cousas grandes e nas pequenas, “temos un equipo solvente e persoal técnico e funcionarios moi cualificados para afrontar este traballo”.

A esta falla de eficacia, salienta a alcaldesa, súmase unha “deslealdade” que pasa, "non so polos intentos destes dous concelleiros de que sexa a alcaldesa quen asuma a súa falla de eficacia, senón os seus ofrecementos reiterados ao Partido Popular, ben sexa para integrarse nas súas candidaturas ou para sumarse a unha moción de censura”.

Logo de asinar os decretos de cese nas súas funcións, García de la Torre asumiu as competencias que estes concelleiros viñan desempeñando ate hoxe.