Porriño 2017

Rematada a reforma dos parques infantils de Torneiros e Centro Cultural de Atios

A Alcaldía do Porriño continúa desenvolvendo o seu programa de reforma e arranxo dos parques infantís do municipio que, nalgúns casos “ou ben estaban obsoletos ou en moi mal estado ou totalmente abandonados dende hai anos”, precisou a alcaldesa, Eva García de la Torre.

oporrino EvaGarcia parques infantis 01

Dous deles están xa rematados, son os do Centro do Centro Social e Cultural de Atios, ao que o Concello destinou un orzamento de 40.000 €, e o da Fase I de Torneiros, que contou cun investimento de 48.176,11 €.

No que á zona infantil de Atios fai referencia, na que os traballos comezaran o pasado mes de novembro, a zona remodelada dispón dunha nova pista ‘polideportiva’ para a práctica de fútbol, balonmán ou baloncesto; novos bambáns na zona infantil, que conta ademáis cun novo chan de caucho para garantir a seguridade das cativas e cativos, e un parque de actividade biosaudábel para adultos.

No caso da Fase I de Torneiros, “foi precisa unha reforma integral”, subliña Eva García de la Torre, “á vista do seu total deterioro e abandono dende hai moitos anos, coma denunciaran as veciñas e veciños”.

oporrino EvaGarcia parques infantis 03

Neste caso fíxose, practicamente, unha nova ‘soleira’ de formigón; colocáronse planchas de caucho; retiráronse e renováronse os xogos e bambáns; acometeuse unha reparación “completa” de fendas e crebas; aplicouse na súa totalidade un novo revestimento, colocouse unha varanda de aceiro inoxidábel.

Nas vindeiras semanas, adianta a rexedora porriñesa, procederase a habilitar unha zona reservada a pista de skate "na que se establecerá un horario de uso para non causar molestias aos veciños".

A alcaldesa do Porriño tamén adiantou que estas iniciativas terán continuidade nas vindeiras semanas "noutros parques da vila e súmanse ás xa realizadas no Parque da Urbanización do Sol, no investíronse preto de 22.000 € para arranxar todos os bambáns, colocar un deles para persoas con diversidade funcional e a instalación dun chan de caucho".

O Concello tamén deu por rematados os traballos realizados no Campo da Feira, que contou cun orzamento de 4.173 €; o Parque Lamazares, –detrás de Correos– no que se cambiaron os seus elementos investindo 4.655 €; o de San Diego, no que ademais colocouse un chan de caucho continuo, logo de facer unha inversión de 1.952 € e o de Torneiros no que, cun investimento de 9.181€, ademais dos distintos xogos, se arranxaron os bancos, as varandas, o valado de madeira e adaptouse para persoas con diversidade funcional.