Porriño 2017

O PP do Porriño denuncia a "aposta pola privatización nas rozas" do Goberno

O grupo municipal do Partido Popular do Porriño lamenta que a coalición PSOE-UDDL "continúe facendo políticas en contra dos intereses dos cidadáns para favorecer a empresas privadas", nunha política que, segundo afirman os populares porriñeses, "incrementa inxustificablemente o cargo ao Concello que adebeda xa millóns de euros a provedores".

Tal e como denuncian os populares, a barredora e o tractor do Concello do Porriño "permanecen ainda aparcados nas instalacións municipais mentres se contrata esta maquinaria a empresas externas". Pese a dispoñer xa de persoal contratado a tal fin en base ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, segundo os populares "un condutor de tractor desbrozadora e un operario de vehículo de limpeza viaria" a coalición continúa optando pola privatización destes servizos.

O PP do Porriño sinala que esta política "incumpre as propias bases da achega da Deputación, que especifica que estas contratacións non se poderán dar se o servizo non é público". Lamentan os populares que, logo de queixarse "en reiteradas ocasións na imposibilidade de dispor de persoal para estes postos para escusar públicamente o desmesurado gasto en desbroces e limpeza viaria, o Goberno Municipal dispón agora dos mesmos tras aprobar en pleno a privatización destes servizos, incumplindo por tanto as bases das achegas provinciais".

"De xeito incomprensible continúan apostando pola privatización destes servizos, —afirma o portavoz popular, M. Alejandro Lorenzo— incluso cando dispoñen de persoal para facer estes traballos". "Mentres se desaproveitan recursos, a facturación por limpeza viaria e desbroces continúa castigando as arcas municipais" asegura o voceiro do PP. 

M. Alejandro Lorenzo subliña que "ao tempo que se acumulan a facturación por contratacións irregulares, sen contrato e sen partida orzamentaria, as empresas continúan recurrindo ao Contencioso Administrativo para reclamar a súa débeda".