O Centro Penitenciario da Lama acolle un obradoiro da Escola de Cantería

13 internos e 2 internas do Centro Penitenciario da Lama comezaron onte luns un novo taller formativo da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. A Presidenta Carmela Silva asistiu á inauguración da acción, que baixo o título de ‘Elaboración de obras en pedra natural’ terá lugar tres días á semana ao longo de seis meses (ata o 4 de agosto) facendo un total de 250 horas.

Acompañárona no acto a deputada delegada da Escola de Cantería, Montse Magallanes, o director do centro, José Ángel Vázquez, o seu director de formación, Juan Román, e o profesor do curso de cantería, Manuel Varela Portela.

Carmela Silva asegurou ao alumnado que “a cantería é unha especialidade que xera moitos postos de traballo” e lembrou que, de feito, “da Escola de Cantería saíron profesionais con moito prestixio que están a traballar en importantísimos monumentos do patrimonio universal como as catedrais de Santiago e de Westminster (Londres) ou o Capitolio de Washington”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra animou ás 15 persoas que recibirán a formación –que en todo momento se amosaron con moitas ganas de comezar– a deixarse a pel xa que “permitiravos coñecer as técnicas, ser capaces de facer obras en pedra, e quen sabe se poderá ser o voso futuro”. Carmela Silva lembrou que “hai moita demanda desta profesión porque hai moito patrimonio en todo o mundo que é necesario rehabilitar”, e tamén fixo mención á outra calidade da cantería: “a cantería é traballo, pero traballar a pedra é tamén unha arte. Hai unha gran satisfacción á hora de facer algo a partir dunha pedra, de darlle forma”.

escola canteria a lama 01

No curso ‘Elaboración de obras en pedra natural’ o alumnado aprenderá a realizar obras de artesanía neste material (que achega a propia Escola da Deputación, así como o resto de ferramentas necesarias) e tamén se poderán dotar dunha sólida base en asuntos como o cálculo e execución das pezas. Ademais, aprenderán a recoñecer distintos tipos de pedras, familias de ferramentas e as súas peculiaridades e funcións, así como a correlación da cantería e a escultura. De feito, os contidos do curso repartiranse en dous bloques: cantería básica e escultura básica.

Con esta acción da Escola de Cantería, búscase poder aplicar os conceptos, procedementos e estratexias da cantería a estudos posteriores. O director do Centro Penitenciario da Lama, José Ángel Vázquez, quixo agradecer á Deputación “polo seu apoio á formación das e dos nosos internos”. Outros obxectivos que persegue a acción son a fórmula axeitada de problemas, o establecemento de definicións precisas, a xustificación de procedementos, o rigor e a coherencia, a detección de incorreccións e a resolución de problemas e situacións características da actividade cotiá, interpretando e aplicando os modelos creados e valorando a súa utilidade.

escola canteria a lama 02

Carmela Silva asegurou que “non teño dúbida de que cando vexades o froito de todo o voso traballo, iso faravos moi felices. En definitiva ser felices é para o que viñemos ao mundo, e agardo que poidades cumprir os vosos soños porque todas as persoas o merecen”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra quixo agradecer ao mestre do curso “o seu traballo para transmitir todo o seu coñecemento” e trasladoulle ao director do centro a súa intención de volver ás instalacións unha vez o curso estea avanzado. “Agardo que me invite para ver o que fostes capaces de realizar e para poder desfrutar das vosas obras, estarei pendente da evolución do curso e comprométome a volver”.

Desde o ano 1979 a Escola de Cantería ensina a traballar a pedra e a estimular a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector da elaboración dos traballos en pedra. As persoas que estudan na escola da Deputación de Pontevedra reciben unha formación moi completa estudando tamén modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción, e realizando prácticas de laboratorio e informática. Xunto á formación regrada para obter o título de canteira ou canteiro e mestra canteira ou mestre canteiro, tamén se imparte formación complementaria sobre programas de deseño asistido, cursos de Autocad, de Photoshop, de primeiros auxilios ou de riscos laborais.