A Deputación reforza o seu liderado en distintivos 'Q' de calidade turística

Reyes Maroto, ministra de Industria, Comercio e Turismo e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra Reyes Maroto, ministra de Industria, Comercio e Turismo e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra

“Somos a provincia galega con máis Q de calidade turística, superando o 40% de toda Galicia. Somos unha referencia en España. Para a Deputación é un día de festa porque revalidamos os tres distintivos que xa tiñamos e recibimos outros dous novos para Cangas e Caldas de Reis”. Así se expresou na pasada noite a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no transcurso do evento da Noite “Q”, organizada en Madrid polo Instituto para a Calidade Turística Española. Unha gala na que tamén participou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

Tal e como explicou a presidenta provincial, a Deputación de Pontevedra renovou os distintivos para as oficinas do Palacete das Mendoza (Pontevedra), do Mosteiro de Armenteira (Meis) e do Aeroporto de Peinador e recibiu outros dous novos para as oficinas de Caldas de Reis e Cangas. Carmela Silva resaltou ademais o alto grao de excelencia en calidade turística acadado, xa que, na auditoría para conseguir estas acreditacións, “de 10 puntos valoráronnos con 9,44, unha cualificación que case é imposible de superar. Somos, polo tanto, unha das provincias con máis valoración en todo o que ten que ver coa calidade, coa atención e coa xestión”.

Ademais destes distintivos, cómpre lembrar que na provincia de Pontevedra hai máis de 150 establecementos coa “Q” de calidade. “Isto demostra que somos unha provincia punteira. Galicia en xeral e Pontevedra en particular temos unha gran tradición turística. A atención, a hospitalidade, a calidade do servizo, todo isto é unha longa tradición que agora se xunta cun sector moi potente. Un sector que innova, que inviste e que é consciente de que no turismo do século XXI hai que ser excelentes. Todo isto fai que o destino Rías Baixas hoxe poida competir non só cos mellores destinos de España, senón de todo o mundo”, salientou Silva.

A presidenta provincial resaltou que a provincia de Pontevedra é hoxe un dos destinos máis potentes, “cada ano vamos aumentando o número de visitantes dunha forma exponencial. Estamos nunha permanente innovación porque o 11% do PIB galego é o turismo e o 34% das persoas visitantes que veñen a Galicia veñen á provincia de Pontevedra. Por tanto, esta potencialidade fai que esteamos moi atentos e atentas á calidade e de aí vén esa alta nota e ese alto número de distintivos Q”.

Cómpre lembrar que as oficinas do Palacete das Mendoza e do Mosteiro de Armenteira foron as primeiras oficinas de información turística de Galicia en obter o distintivo “Q” de calidade. A oficina de aeroporto de Peinador conseguiu o distintivo, por primeira vez, o ano pasado e agora renóvao para 2019. Para acadar estes distintivos, as oficinas de Turismo Rías Baixas pasaron unha estrita auditoría que valora dende a calidade das instalacións, ata o servizo de atención e acollida ou a continua mellora dos medios técnicos e humanos. De tal xeito, as oficinas tiveron que implicarse activamente na mellora dos puntos de información, na aposta pola profesionalidade e na optimización continua na xestión das oficinas.

Precisamente, o esforzo pola calidade é unha das liñas prioritarias marcadas no Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020. Preténdese que o destino Rías Baixas alcance un nivel de calidade homoxéneo, impulsando un turismo de calidade, sostible e innovador e buscando a desestacionalización das actividades turísticas na provincia.