Primeira marca de calidade para deportistas de alto nivel e xoves promesas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de anunciar a creación da primeira marca de calidade que impulsa a institución provincial destinada a deportistas de alto nivel e a xoves promesas. O primeiro paso para conseguilo é a aprobación dunhas bases reguladoras nas que se recollen os requisitos que deben cumprir as persoas aspirantes para obter o distintivo de Deportista de Alto Nivel (DEPODAN) e de Deportista Promesa (DEPOPROMESA).

“Esta novidosa iniciativa segue os criterios recollidos no Plan Estratéxico de Deportes”,explicou a presidenta provincial. Esta clasificación constitúe o paso previo para a obtención dunhas bolsas de deporte, as BECASDAN, que contarán cun orzamento de 200.000 euros, ás que se poderá optar o vindeiro ano.

Estas axudas repartiranse entre as e os aspirantes segundo os resultados deportivos que cada un deles ou delas obtiveran durante os anos 2017 e 2018. Segundo anunciou Silva, isto permitirá establecer previamente o número de bolsas e as cantidades mínimas de reparto. “Ademais, haberá o mesmo número de bolsas para deportistas homes que mulleres e unha alta porcentaxe para deportistas con diversidade funcional” declarou Silva, que tamén recordou que esta iniciativa “forma parte do compromiso adquirido por esta institución para promover aos olímpicos e ás olímpicas durante os anos de preparación e non só no ano dos xogos”.

Pero, antes da convocatoria das bolsas, as e os aspirantes deben obter o recoñecemento como DEPODAN ou DEPOPROMESA. No primeiro caso, os e as deportistas deberán estar empadroados ou empadroadas na provincia, ter máis de 16 anos e estar recoñecidas ou recoñecidos como deportistas de alto nivel pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia ou polo Consello Superior de Deporte. Para ser DEPOPROMESA, é preciso que as e os deportistas de Pontevedra teñan entre 12 e 16 anos e que, sen figurar no nivel anterior, sexan susceptibles de próxima incorporación polas súas posibilidades de proxección. Así mesmo, deben obter un mínimo de 25 puntos nunha serie de criterios entre os que se atopan a puntuación obtida nos distintos campionatos nos que participaron ou se foron convocadas ou convocados pola selección nacional da súa modalidade deportiva.

Máis de 2,3 millóns de euros en axudas ao deporte provincial
Ademais, a Deputación tamén vén de aprobar en Xunta de Goberno a concesión de subvencións a asociacións e clubs deportivos, sen ánimo de lucro, da provincia para actividades deportivas do ano 2018 por valor de 500.000 euros, 50.000 euros máis que en 2017. “Todas estas iniciativas demostran a aposta clarísima desta institución polo deporte, que queda reflectida nos 2.375.000 euros que foron destinados, só este ano, ás axudas deportivas na nosa provincia, sumando as do deporte federado, do nacional, do náutico e as de actividades”, declarou Silva.

Estas axudas que acaban de aprobarse teñen por finalidade apoiar a entidades e clubs na realización de actividades deportivas ao longo de todo o ano. Concédense en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para a adxudicación criterios claros e obxectivos fixados nas bases que rexen a convocatoria. Benefícianse 189 clubs e asociacións de 44 concellos diferentes. Hai dous beneficiarios da provincia da Coruña porque se trata de entidades con sede social nesa provincia pero con sedes propias na provincia de Pontevedra.

En concreto, as entidades beneficiarias son de Baiona (3), Barro (1), Bueu (1), Caldas de Reis (1), Cambados (3), Campo Lameiro (1), Cangas (6), Cerdedo-Cotobade (1), A Coruña (1), Cuntis (2), A Estrada (2), Gondomar (3), O Grove (6), A Guarda (4), A Illa (3), Lalín (3), Marín (11), Moaña (6), Mondariz (3), Moraña (1), Mos (1), As Neves (1), Nigrán (6), Oia (4), Poio (2), Ponteareas (7), Pontecesures (2), Pontevedra (21), O Porriño (1), Portas (1), Redondela (4), Ribadumia (2), Ribeira (1), O Rosal (2), Salceda de Caselas (1), Salvaterra de Miño (1), Sanxenxo (7), Silleda (1), Tomiño (1), Tui (1), Vigo (43), Vila de Cruces (2), Vilagarcía de Arousa (6), Vilanova de Arousa (3).