Xabier Cordal, «Relatos para televisión»

Xabier Cordal é unha figura que, con máis de 25 anos de traxectoria literaria e só media ducia de títulos de poesía, achou un oco entre o máis selecto do noso Parnaso particular. A súa produción é escasa pero representativa e a eses poucos poemarios só cabe engadir a súa participación en obras colectivas e, agora, unha achega iniciática no eido da narrativa. E dá este paso cunha colección de contos moi diversos, tanto en extensión como en temática, que presenta baixo o título «Relatos para televisión».

Se hai que buscar algún nexo de unión entre todos eles, probablemente o máis acaído sexa falar de desacougo, un sentimento que domina o libro tanto no que se refire aos seus personaxes e ao desenvolvemento das historias, como ás sensacións que estimula no lector. Mais non falamos de provocar desasosego porque si, senón para inducir á reflexión sobre o estado actual da nosa sociedade delirante.

É esta outra palabra que nos pode axudar a comprender o contido deste novo traballo de Cordal, delirante, pois igual atopamos un vampiro existencialista con tendencia ao consumismo, como asistimos a unha invasión alieníxena con zona cero na área de descanso dunha autovía, ou ás argalladas de organismos cibernéticos, con ínfulas tamén invasoras, que viven baixo a terra e o formigón. Como podemos observar, fantasía por todas partes para enmarcar relatos que, no fondo, amosan unha forte carga social e por iso inducen, como diciamos, á reflexión.

As reminiscencias de Kafka ou do esperpento de Valle-Inclán son bastante obvias, e con elas Cordal é quen de amosar un retrato de nós mesmos e da nosa propia condición co que pretende sacudir as conciencias máis amoladas e provocar unha reacción no lector da que, sen dúbida, sacará valiosas leccións. Doce contos que son outras tantas rabuñaduras no máis fondo de nós para espelir as nosas conciencias e amosarnos o absurdo da traxectoria dunha sociedade que semella ter perdido o rumbo e que se deixa levar por unha deriva constante da que sempre hai espabilados que sacan proveito.

Sen apenas referencias xeográficas ou temporais, alén dunha Artabria con reminiscencias coruñesas, estes doce contos encerran unha visión peculiar do noso entorno na que a ironía xoga un papel bastante importante. Retranca que retorce a realidade ata presentala dun xeito figurado, no que é doado percibir as intencións críticas do autor. Pola contra, a linguaxe directa e sen adobíos agocha un xeito de contar moi persoal no que hai que prestar atención aos detalles e onde non sempre o fío narrativo resulta evidente. O equilibrio acadado entre ambas ideas é o que dota de brillantez esta primeira achega de Cordal á narrativa.

relatos para televisiónXabier Cordal
Relatos para televisión

 

Editorial: Xerais
168 páxinas

 
Más en esta categoría: « Iolanda Zúñiga, «Natura»