Emma Pedreira, «Besta do seu sangue»

Narrar unha historia que goza de certa popularidade resulta arriscado; máis aínda cando xa foi tratada por outros autores dende distintas perspectivas. E pois o “que” non parece que vaia aportar novidade, o lóxico é buscar a diferenciación no “como”, no xeito de relatar, no enfoque que lle deamos á historia.

Iso farían a maioría dos autores, pero Emma Pedreira, de natural transgresora, quixo darlle a volta a tal premisa e trocar o “que” e mailo “como” para presentarnos unha historia moi diferente ao que podiamos esperar. Xogou forte e a súa aposta foi merecedora do Premio Xerais deste ano. Que é tanto como dicir que, ás veces, o risco paga a pena.

Falemos do “que”: “Besta do seu sangue” inspírase no controvertido caso de Manuel Blanco Romasanta, o célebre home lobo de Allariz, o único oficialmente documentado mediante actas xudiciais da existencia dun personaxe tan presente no imaxinario colectivo. Na procura desa nova forma da historia, a autora mistura realidade e fantasía e dálle a volta ao xa sabido para crear un relato novidoso e tremendamente orixinal.

E cando digo que lle dá a volta á historia dígoo en sentido literal, pois o tal Manuel nace Manuela; sétima filla, como manda a tradición, e, polo tanto, algo máis ca candidata a peeira, ese espírito feminino que acompaña e protexe ao lobo nas súas andainas. Co tempo, Manuela convértese en Manuel, pero fica no máis fondo esa dualidade sexual no seu papel de peeira (feminino) e de home. Dualidade que se desenvolve nas noites de luar e que aínda dá paso a outra: a de lobo/sacaúntos, ocasionalmente confundidos na tradición popular, mesmo nas devanditas actas xudiciais.

Falemos agora do “como”, pois velaquí que partindo da argumentación descrita, Emma Pedreira desenvolve unha historia fraccionada e construída con pequenos retallos de aquí e de acolá a base de capítulos moi breves, nos que lle vai dando forma ao que puido chegar a ser a vida de Romasanta. No desenvolvemento do relato, a autora xoga con distintos narradores e distintos recursos, dende a descrición ou o monólogo interior, ata a reprodución de fragmentos das actas xudiciais.

E así, paseniño, é quen de engaiolar a un lector que, sen se decatar, vese mergullado nese ambiente de noite de invernía arredor da lareira, sentado no escano mentres alguén procura o arrepío debullando algún relato estarrecedor. Este xeito de misturar a nosa tradición vedraña cos recursos máis actuais da narración, de traela dende o máis fondo dos tempos ata a actualidade, paréceme que é un dos mellores logros desta novela.

Mención aparte merece a linguaxe, na que atopamos un perfecto punto de equilibrio entre o sombrizo do ambiente e o lirismo máis delicado. Non debemos esquecer que Emma Pedreira inicouse no mundo da poesía, e iso dálle un valor engadido á hora de procurar a palabra exacta para o lugar preciso e, deste xeito, levar ao lector en voandas sobre a historia relatada.

besta do seu sangueEmma Pedreira
Besta do seu sangue

 

Editorial: Xerais
120 páxinas