Tui acolle o sábado o Forum Peregrino «Os Camiños de Santiago en Galicia»

O Centro de Interpretación do Camiño, situado no antigo Convento de San Domingos de Tui, será o escenario este sábado, 30 de setembro, do Forum Peregrino «Os Camiños de Santiago en Galicia», organizado por Iacobus Tui e Baixo Miño, o Concello de Tui e a Deputación de Pontevedra.

A presentación tivo lugar esta mañá na sala de reunións do Concello de Tui a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Turismo e Deportes, Laureano Alonso, e a concelleira de Ensino e Cultura, Mª José González, xunto á presidenta de Iacobus Tui, Mº Victoria Álvarez, e o membro desta asociación, e Alfonso Ferreira.

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, quixo manifestar que "será unha ocasión para reivindicar o papel de Tui no Camiño Portugués", pero tamén, sinalaba o alcalde tudense, "para concienciar sobre a necesidade de facer fronte dende as administracións públicas aos distintos desafíos que se presentan". No mesmo sentido se manifestaba o concelleiro de Turismo e Deportes, Laureano Alonso, que aproveitaba a ocasión para destacar "a importancia do Camiño Portugués para a cidade de Tui dende o ámbito espiritual e relixioso, pero tamén turístico e incluso deportivo".

forum peregrino 02

Mª Victoria Álvarez, presidenta de Iacobus Tui e Baixo Miño, presentou este Forum como "unha cita para dar a coñecer distintos aspectos dos Camiños de Santiago e aprender da súa riqueza", e quixo destacar que a participación "está aberta a todas as persoas interesadas en coñecer ou compartir aspectos dos Camiños de Santiago".

Neste Forum daranse cita representantes dos distintos Camiños de Santiago en Galicia, que falarán sobre as actividades que se están a realizar en cada un deles e das problemáticas ás que se enfrontan. Para falar do Camiño Sanabrés-Mozárabe estará presente o vicepresidente da Asociación de Amigos Vía Plata–Camiño Mozárabe Ourense, José Antonio Quintas Vázquez. Do Camiño de Inverno tratará a intervención da presidenta da Asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias, e sobre o Camiño Francés disertará Jorge López, presidente da Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Sarria. Tamén se poderá coñecer máis do Camiño Primitivo da man da Asociación Amigos del Camino de Santiago en Lugo e do seu presidente, Ángel Trabada Gómez, que pechará as intervencións da mañá.

Xa pola tarde as conferencias serán sobre o Camiño de Fisterra a cargo da vicepresidenta da Asociación Galega Amigos do Camiño de Santiago, Begoña Valdomar, e sobre o Camiño Portugués en Galicia con Alfonso Ferreira en representación da Asociación Iacobus Tui e Baixo Miño. Amais está pendente de confirmación a participación de Luís Fernández Ansedes, da Asociación «Abrindo o Camiño» de Amigos do Camiño Norte a Santiago.

Durante esta xornada está tamén programado un concerto musical na Igrexa de San Domingos a cargo dos alumnos do Conservatorio de Tui, e unha visita á Igrexa de San Bartolomeu guiada polo director do Arquivo capitular e histórico diocesano e párroco de San Bartolomeu, Don Avelino Bouzón. A citá terá o seu punto e final cunha cea comunitaria e unha queimada.

Programa de actividades
30 de setembro de 2017. Centro de Interpretación do Camiño de Santiago no antigo Convento de San Domingos.
10:00 h Apertura e presentación
10:15 h Benvida aos assistentes do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e saúdo das autoridades presentes
10: 30 h Camiño Sanabrés-Mozárabe. Asociación de Amigos Vía Plata - Camiño Mozárabe Ourense. José Antonio Quintas Vázquez, vicepresidente
11:00 h O Camiño de Inverno. Asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras. Asunción Arias Arias, presidenta
11:30 h Pausa café
12:00 h Camiño Francés. Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Sarria. Jorge López, presidente
12.30 h Camiño Primitivo. Asociación Amigos del Camino de Santiago en Lugo. Ángel Trabada Gómez, presidente
12:30 h Actuación musical
14:00 h Xantar
16:00 h Visita guiada á Igrexa de San Bartolomeu. D. Avelino Bouzón, director do Arquivo capitular e histórico diocesano e párroco de San Bartolomeu.
18:00 h Camiño de Fisterra. Asociación Galega Amigos do Camiño de Santiago. Begoña Valdomar, vicepresidenta.
18:30 h Camiño do Norte. Asociación “Abrindo Camiño” de Amigos do Camiño Norte de Santiago. Luís Fernández Ansedes (por confirmar)
19:00 h Camiño Portugués en Galicia. Asociación Iacobus Tui e Baixo Miño. Alfonso Ferreria.
19:30 h Entrega de lembranzas
20:00 h Actuación musical na igrexa de San Domingos a cargo de alumnos do Conservatorio de Tui
Cea comunitaria. Queimada de peche