Pepe Carreiro presentou en Tomiño unha nova aventura dos Bolechas

O creador dos ‘Bolechas’, Pepe Carreiro, acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e as concelleiras de Medio Ambiente e Cultura, María Xosé Vázquez e Cristina Martínez, respectivamente, presentou na mañá de hoxe na Casa do Concello a súa guía ‘Os Bolechas limpan Tomiño’. A través dun detallado percorrido polo municipio, Os Bolechas amosan, a través de sinxelos textos e magníficas ilustracións, a necesidade de manter o medio natural limpo de lixo e como se pode contribuír a protexer o entorno a través da reciclaxe e a compostaxe.

Ao longo de 32 páxinas, os Bolechas a bordo dun camión do lixo de Tomiño, comezan no Espazo Dortaleza de Goián un percorrido polo municipio –acompañados de Martiña, unha nena tomiñesa– xogando a recoller o lixo nos distintos centros escolares.

Así, desfilan polas páxinas desta entrega dos Bolechas lugares como a Casa do Concello, o sendeiro do Furnia, o CEIP de Sobrada, CEIP de Tebra, os petroglifos de Tetón, o CEIP de Barrantes, o CEP Pedro Caselles Beltrán de Tomiño, a Pedra Furada, o CEIP Antonio Fernández de Goián, a Escola Infantil Galiña Azul de Gioán e a praia de Goián.

Para que nada falte e a lección sexa completa, rematan cunha detallada explicación sobre a forma correcta de reciclar.

 O influencia dos Bolechas
O labor educativa dos Bolechas de Pepe Carreiro é incuestionable. A través de fermosos debuxos e sinxelos pero detallados textos en galego, nenos e nenas aprenden a coñecer e a poñer en valor o entorno que os rodea.

Sen imposicións de ningún tipo e “sen adoctrinamento” como lle gusta dicir ao autor, os máis pequenos adquiren, de xeito divertido e dependendo da aventura de que se trate, ‘coñecementos’ relacionados coa saúde, cultura, patrimonio ou medioambiente.

Pepe Carreiro dibuxou en directo un dos seus Bolechas para deixalo de recordo na Casa do Concello de Tomiño

Os Bolechas, nese sentido, ocupan o oco baleiro deixado no seu momento e salvando as distancias, polo desaparecido ‘Xabarin Club’ –sería impensable escoitar a Doraemon ou Shin Chan noutro idioma que non fora o galego–. Nesa época, de xeito paulatino e sen ese ‘adoctrinamento’ ao que se refería Pepe Carreiro, toda unha xeración aprendeu vocabulario galego, coñeceu lugares desta terra, bailou co noso rock e mesmo adquiriu coñecementos ‘científicos’ a través dun apartado absolutamente subrrealista do Mundo de Beakman.

Agora, unha nova xeración aprende en galego o nome dos paxaros, das plantas, dos lugares e das cousas. Pepe Carreiro utiliza, se cadra, a mesma fórmula: tratar aos nenos e nenas como persoas que son. Logo está, por suposto, a capacidade do propio Carreiro de namorar a través dos seus Bolechas, unha familia que crece pouco a pouco e da que, esta nova xeración, coñece os seus nomes, os das súas mascotas e segue, con interese todas as súas aventuras.

Máis de 500 títulos publicados e un millón e medio de exemplares distribuídos falan ben ás claras do que é un auténtico fenómeno entre a infancia. Para estar orgullosos!