O sector agro do Baixo Miño despega nos mercados internacionais

O sector agro no Baixo Miño é unha actividade produtiva cun grande impacto social e económico na contorna, cunha actividade de produción crecente e con cada vez máis peso en todas as súas subáreas: a planta ornamental, a flor, a froita e o viño, así como os servizos auxiliares. Máis de 1.000 hectáreas de produción, máis de 1.120 persoas empregadas en tempada alta e unha facturación de case 68 millóns de euros anucia reflicten a importancia do sector en termos de produción, rendabilidade e impacto social.

De feito, son cada vez máis as familias que traballan no agro, co que a actividade amósase como un elemento de primeira orde á hora de fixar poboación no rural e mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza.

Na era da globalización manter ese crecemento rendible e sustentable pasa pola internacionalización do sector, por coñecer a abrir novos mercados, adaptarse as novas tendencias, investigar e innovar, especializarse e atraer novas oportunidades. Neste momento, o sector agro no Baixo Miño exporta os seus produtos a máis de 20 países de 5 continentes: ademais de traballar co mercado europeo, as empresas agrarias da contorna venden os seus produtos a Canadá, Estados Unidos, México, Porto Rico, Panamá, Colombia, Marrocos, Australia ou Xapón, entre outros.

Misión Comercial Inversa
Para seguir traballando e mellorar ese proceso de internacionalización do sector, a 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que se celebrará do 15 ao 17 de marzo no pavillón de Goián, será o escenario de presentación da primeira Misión Comercial Inversa que se realizará no sur de Galicia e no norte de Portugal. O obxectivo deste proxecto transfronteirizo é contribuír ao posicionamento sectorial traendo a potenciais compradores e clientes estranxeiros ao territorio para que coñezan de primeira man os produtos e servizos da contorna, buscando así novas oportunidades de negocio.

Trátase dun proxecto de dinamización da economía local enmarcado na Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, cofinanciado ao 75% polo Programa Interreg VA POCTEP, e integrado no Plan Estratéxico da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) no que tamén colaborarán a Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN) e a Associação para o Desenvolvimento Local, Rural, Agrícola, Florestal e Ambiental (ARA-Cerveira).

Todas as persoas interesadas en coñecer os detalles desta misión comercial, poderán asistir á súa presentación este venres 15 de marzo ás 12:15 horas no pavillón de Goián.