O alumnado do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño amplía coñecementos do sector agro

A Asociación de Cultivos Baixo Miño (acuBam) vén de organizar unha saída de alumnado do IES Antón Alonso Ríos para que o estudantado teña a oportunidade de coñecer, de primeira man, o sector agro da comarca e, ao mesmo tempo, poidan reforzar os coñecementos que están a adquirir nas aulas.

A través da visita, que terá lugar o vindeiro 7 de marzo, alumnos e alumnas poderán percorrer os viveiros con produccións diferentes para que poidan coñecer as particularidades de cada un dos produtos e, posteriormente, visitarase unha comercializadora para pechar o círculo e poder entender a loxística da distribución dos produtos agrarios.

Alumnos e alumnas sairán ás 9:30 horas do IES Antón Alonso Ríos para visitar as instalacións de Cultivos Casais onde poderán coñecer os diferentes cultivos de bambú, phormium, formas variadas de árbores, grandes exemplares e formas topiarias. Posteriormente visitarán as instalacións de Viveiro Nilo onde terán a oportunidade de coñecer unha grande extensión de produción de planta, a loxística deste proceso produtivo e diferentes variedades cultivadas no territorio

Por último, os alumnos realizarán unha visita guiada polas instalacións da comercializadora facendo fincapé no comercio internacional do sector primario e na organización loxística de produtos perecedoiros.