Coral Regi, abre hoxe a Semana da Educación de Tomiño

A directora da Escola Virolai, Coral Regi, abre hoxe, no Auditorio de Goián, a cuarta Semana da Educación de Tomiño, que se alongará ata o vindeiro 7 de febreiro. A súa conferencia 'Xestión do cambio educativo-Máis aló das modas', abordará temas vencellados á transformación educativa e á innovación, ao liderazgo educativo e á xestión necesaria para conseguir unha maior calidade na educación.

O modelo propugnado pola escola Virolai (que dirixe Regi) salienta a importancia dunha estreita colaboración entre familia e escola para asumir o compromiso de axudar ao alumno ou alumna no seu propio proceso de aprendizaxe e de crecemento persoal.

A institución, nada nos anos ’60 coma escola infantil, baséase en valores coma o esforzo e a satisfactoriedade; elementos craves para a superación persoal; o auto coñecemento de aptitudes e intereses, que constitúen a singularidade de cada alumno ou alumna.

O afecto e o respecto nas relacións humanas dentro da comunidade educativa, son condiciones fundamentais neste modelo educativo, do que falará en detalle a poñente.
Bióloga de formación, hai máis de tres décadas que Coral Regi se dedica á docencia, acompañando ao seu alumnado no proceso de aprendizaxe e compartindo a experiencia de aprender en conxunto.

Para que nais e pais poidan acudir ás conferencias con tranquilidade, habilitarase un servizo de gardería de balde no propio auditorio; é necesario facer constar a necesidade de utilizalo no formulario de inscrición.

Jorge Úbeda, doutor en Filosofía, director da Fundación Promaestro e profesor asociado da Universidade Complutense (Madrid) as claves para centros educativos, docentes e familias, na súa conferencia do martes, día 5, 'Por unha educación baseada no coñecemento', e Iria Marañón, autora dos libros 'Educar en el feminismo' e 'Libérate da carga mental', terá ao seu cargo o mércores 6 a conferencia 'A igualdade tamén se aprende'.

David Bueno, que pechará o ciclo de conferencias o xoves 7 de febreiro, é probablemente, o conferenciante máis coñecido polo público, pola súa labor de divulgación. Doutor en bioloxía e profesor de xenética na Universidade de Barcelona, na súa conferencia do día 7 ('Sorpresa! Que quere aprender o cerebro'), tratará de dar as claves para sacar o mellor proveito dos procesos de aprendizaxe.

Todas as conferencias serán ás 19.00 horas no Auditorio Municipal de Goián.

Para máis información sobre este evento, pódese chamar ao Departamento de Educación e Cultura, ou consultar o seguinte enlace: https://www.facebook.com/events/759655154391922/