Tomiño e Cerveira salientan o papel dun territorio común coma factor de atracción turística

De esquerda a derita, Uxío Benítez, Fernando Nogueira e Sandra González De esquerda a derita, Uxío Benítez, Fernando Nogueira e Sandra González

Borrar a noción de fronteira entre Galiza e Portugal, ofrecendo o Territorio Río Miño coma un produto único, resultará estratéxico á hora de atraer turistas. Nesta idea base coincidiron tanto os alcaldes de Cerveira e Tomiño (Fernando Nogueira e Sandra González, respectivamente), coma o director da AECT Río Miño (Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño), Uxío Benítez, durante a inauguración das xornadas “O turismo no contexto transfronteirizo Cerveira-Tomiño”, celebradas hoxe no Castelo de Vila Nova de Cerveira.

Benítez referiuse á situación xeoestratéxica da zona, entre as cidades de Vigo e Oporto, cunha paisaxe común e recursos endóxenos moi valiosos, que compoñen a Marca Río Miño, na que xa se está a traballar no ámbito europeo, con dous proxectos (Smart Miño e Visit Río Miño. Fondos INTERREG V-A (POCTEP). O tamén deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, referiuse, asemade, á creación do “Anel Verde”, proxecto no que se investirán máis de 600.000 euros para conseguir conectar todas as sendas dun e outro lado do río, e vendelas como un paquete. “O corazón dese anel verde será a creación dun parque transfronteirizo, integrado polo parque do Casteliño e o Espazo Fortaleza (en Cerveira e Goián, respectivamente), que estará unido por unha ponte peonil sobre o río”, explicou o director da AECT Río Miño.

Sandra González, pola súa banda, agradeceu a participación das preto de 30 entidades que se reuniron previamente ás xornadas para traballar no tema de iniciativas turísticas conxuntas, resaltando o papel fundamental da participación cidadá nestes procesos.

As xornadas, organizadas pola Eurocidade Cerveira-Tomiño e o Interreg España-Portugal, estendéronse ao longo da xornada, con dúas mesas de traballo (“Natureza, Cultura e Paisaxe” e “Oferta e demanda turística”) e visitas guiadas, contando coa colaboración de profesionais galegos e lusos, coma Juan Manuel Trillo, profesor da Universidade de Santiago; Alfredo Iglesias Graña, xerente de Guías Malouco; Xerardo Pereiro, profesor da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro; Alexandra Correia, profesora de turismo no Instituto Politécnico de Viana do Castelo; Paulo Almeida, xerente de Portugal Green Walks; Goretti Silva, doutora en turismo pola Universidade de Bournemouth (Reino Unido) e Manuel Rodríguez, técnico da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais.

Entre as persoas asistentes atopábanse tamén as valedoras/provedoras transfronteirizas de Tomiño e Cerveira, concelleiros de Cultura e Turismo de ambos os dous concellos, técnicos municipais, axentes locais, etc.