Hostaleiros e comerciantes de Oia recibirán clases de inglés gratuítas

O Concello de Oia vén de anuncar a organización dun curso gratuíto para a mellora das competencias de lingua inglesa dirixido expresamente a profesionais da hostalería e o comercio do municipio. Como todas as iniciativas deste tipo, as prazas son limitadas, polo que interesados e interesadas deberán inscribirse canto antes. 

A iniciativa busca, segundo sinala o Concello de Oia, axudar ao sector do turismo e o comercio local a mellorar a calidade na atención a clientes e visitantes. Non se pode esquecer que o Camiño Portugués pola costa, é a ruta xacobeo que máis crecemento está a experimentar e, polo tanto, con cada vez máis os peregrinos que fan parada en Oia no seu percorrido. Con esta actividade formativa o municipio continúa a prepararse para o próximo ano Xacobeo, que se celebrará en 2021, sinala a alcaldesa Cristina Correa Pombal.

O horario do curso de inglés básico para a hostalería e o comercio determinarase en función das preferencias e necesidades das persoas inscritas. Os interesados deben apuntarse no Concello antes do 31 de xaneiro. Será preciso xuntar un grupo mínimo de participantes e as prazas son limitadas. No caso de non cubrirse o mínimo de prazas, as vacantes poderanse cubrir con persoas que procedan doutros sectores e que teñan interese en recibir esta formación.