a guarda 2019

A Guarda abre a inscrición para o obradoiro de conservas artesanais e ungüentos naturais

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural segue apostando pola formación e posta en valor do territorio. Tras o éxito acadado en 2018, a Escola Eu Rural pon en marcha a segunda edición do programa ‘Coas mans na masa’, un itinerario formativo centrado na transformación de produtos do sector agrario que busca engadir valor no mercado a través da transformación de materia prima abundante na contorna en produtos de gran calidade e da súa conservación para a posterior comercialización.

Nesta ocasión o programa ‘Coas mans na masa’ acolle dúas accións formativas diferencias. Por un lado, volverán a impartirse os cursos dedicados á elaboración de conservas artesanais e naturais con alimentos de tempada que abunden na contorna. Nesta nova edición o itinerario formativo recae novamente na Guarda, en resposta á gran demanda de inscricións existentes na primeira edición, nos días 13, 14 e 15 de maio.

Poderá inscribirse e participar nestes cursos calquera persoa que resida no territorio do GDR 14 e estea interesada, independentemente de que o concello no que viva non dispoña de curso. As xornadas son de balde e a inscrición farase a través da web www.eurural.org, dirixíndose ao apartado denominado Escola. Todos os cursos se impartirán en horario de 16.30 a 20.30 horas e haberá un máximo de 15 alumnos e alumnas por curso.

‘Coas mans na masa’ nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

Dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa elaborada pola AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio do GDR 14, recóllese unha aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación e ata o de agora xa se formaron a máis de 200 persoas.