a guarda 2019

Abel Losada: “O Baixo Miño é, posiblemente, unha das comarcas máis esquecidas”

Abel Losada e Antonio Lomba durante o encontro mantido cos medios de comunicación Abel Losada e Antonio Lomba durante o encontro mantido cos medios de comunicación

O deputado do PSdeG-PSOE no Parlamento Galego, Abel Losada, analizou esta tarde na Guarda os investimentos que, para a comarca do Baixo Miño recollen os orzamentos da Xunta de Galicia e non dubidou en asegurar que, nese aspecto, “o Baixo Miño é, posiblemente, unha das comarcas máis esquecidas”. 

Abel Losada, comparecía en rolda de prensa acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quen comezou facendo un repaso ás necesidades máis urxentes que tiña o seu concello. Tratábase, sinalou Lomba, “de facer público que é o que lle pedimos nós á Xunta e como esta responde ás nosas peticións”.

Lamentaba o rexedor local que o seu concello non exista á hora de consignar fondos para actuacións prioritarias para a veciñanza e lembraba que “a última vez que apareceu algo para A Guarda foi no 2016, cuns fondos para a vía de Alta Capacidade que, posteriormente, desviáronse a outra vía de alta capacidade doutro lugar”.

“A Xunta non está respondendo ás demandas, que eu considero lexítimas, dos veciños e veciñas da Guarda e, por extensión, do Baixo Miño”, afirmaba Antonio Lomba quen deixaba claro que as reclamacións do Concello eran sobre “grandes actuacións” como a vía de alta capacidade, a nova Escola Infantil e o acceso sur do Porto da Guarda.

No que á vía de alta capacidade fai referencia, Antonio Lomba lembrou que na reunión mantida a finais do 2018 co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, este comprometeuse a que “no 2019 vai haber actuacións” e eu, sinalou o rexedor local, “espero que as haxa”. Ditas actuacións serían o enlace do Polígono de Areas coa A55 e a redacción do proxecto de execución da zona de autovía urbana dende o cruce de Estás ata o cruce con Goián.

Doutra banda, e no que atinxe a nova Escola Infantil, lembraba Antonio Lomba o compromiso persoal do anterior conselleiro de Política Social “de construír aquí unha escola infantil, puxémonos a redactar o proxecto, rematamos dita redacción,temos o proxecto de execución preparado e agora comentábame Abel Losada que, a pesar dese compromiso, non aparece nos orzamentos deste ano”.

Lamentaba Antonio Lomba que, dende o nomeamento da nova conselleira de Política Social, “chamemos cada dous ou tres días para pedir unha reunión con ela sen que haxa resposta algunha”. As consecuencias de non ter unha segunda escola infantil “son por todos coñecidas” aseguraba o alcalde da Guarda “porque o certo é que temos nenos e nenas da Guarda no Rosal, en Oia, en Goián e algún que vai a unha escola infantil de Portugal” algo que, engade, “provoca queixas dalgunha destas vilas da contorna respecto a que van nenos e nenas da Guarda a ocupar prazas que poderían ocupar nenos e nenas destas localidades”.

No encontro cos xornalistas, Antonio Lomba falaba tamén da necesidade de levar a cabo unha infraestrutura “fundamental” como é o acceso sur ao porto da Guarda un proxecto, subliñou, “que temos redactado e valorado, está en fase de información e estaría preparado para que, este ano ou cando a Xunta o estimase, o sacase a licitación”. Respecto a iso, lembraba Lomba que o Concello non pode licitar a obra “ao ser de ámbito supramunicipal xa que non está incluído no Plan Xeral”.

Circunvalación de Santa Trega, un auditorio “obra ambiciosa pero moi importante para A Guarda”, necesidade dun Polígono Industrial son outros temas tratados coa Xunta “para os que non conseguimos ningún tipo de compromiso pero seguiremos por eles”, aseguraba o rexedor local.

Facía unha última reflexión Antonio Lomba antes de cederlle a palabra a Abel Losada, ao sinalar que, por parte da Xunta, “nos teñen moi abandonados” algo que notouse especialmente nesta lexislatura e aproveitaba para agradecer a axuda da Deputación “que acometeu algunhas actuacións que para nós son importantes, incluso a redacción deste proxecto do acceso sur ao porto, senón seguiríamos moi esquecidos neste lugar tan fermoso, tan emblemático para Galicia pero á vez tan illado”.

O deputado Abel Losada comezaba, precisamente, no punto no que o deixaba o alcalde guardés, asegurando que “a comarca do Baixo Miño en termos de investimentos, con nome e apelidos xeográficos, é unha das comarcas máis esquecidas” e engadía que “máis aló dos 3 millóns para a vía de alta capacidade, unicamente aparecen dúas actuacións no Concello de Tui, directamente ligadas á moción de censura”, matizou.

aguarda AbelLosada AntonioLomba01

Non hai ningún investimento na Guarda nos orzamentos “aprobados no parlamento pola maioría absoluta do Partido Popular” afirmaba Losada que achacaba dita falta de investimentos “a un sesgo de favorecer a aqueles concellos en que os alcaldes son do partido popular” algo facilmente comprobable “porque hai datos e estatísticas máis aló de que o neguen discursivamente”.

No caso concreto do Concello da Guarda, as emendas presentadas polo PSdeG-PSOE foron cualificadas polo deputado socialista como “recurrentes” ao telas presentado xa durante varios orzamentos “é ás que din que non de maneira sistemática e, dende logo, entendemos que se trata dunha discriminación sistemática”.

“Alí onde Goberna o Partido Popular, a Xunta invita e de vez en cando paga, e alí onde non goberna o Partido Popular, a Xunta invita e logo son os concellos os que pagan” aseguraba Abel Losada que non dubidaba en cualificar de “presenza orzamentaria pantasma” os fondos destinados á vía de alta capacidade “que sempre están presentes pero que logo, a través de modificacións orzamentarias, destínanse a outros fins”.

Os 3,1 millóns que aparecen consignados este ano, para os que o PSOE presentou unha emenda pedindo o seu incremento, “non son suficientes para cubrir estas demandas da conexión de Areas coa A55 e o trazado entre Goián e Estás” polo que o deputado no Parlamento Galego sinalou que a súa postura era de “excepticismo”.

Lamentaba Abel Losada que a estratexia da Xunta en materia sanitaria e educativa fora a de “facer partidas xerais e ir dicindo polos territorios que, as súas obras, non aparecen con nomes e apelidos pero que si se van facer”. Logo, aclarou Losada, “súmanse todas as promesas realizadas e son moi superiores ás partidas existentes”.

Remataba Losada asegurando que, dende o grupo parlamentario socialista, “estaremos atentos a estas demandas que, se non entran de xeito directo, nestas partidas orzamentarias xerais si poden tentar entrar como é o caso da escola infantil, ao existir unha partida específica para escolas infantís”.